La edil popular Mari Teijeiro le traslada a Auxilia el incremento hasta el 90% de la bonificación municipal en la tasa de aquellas obras que favorezcan la eliminación de barreras arquitectónicas, iniciativa que el gobierno local aceptó a propuesta del PP
O Grupo Municipal do Partido Popular presentoulle esta mañá ao colectivo Auxilia as melloras de accesibilidade impulsadas por este grupo político, “algunhas xa logradas e hoxe realidade, outras das que hai un compromiso do goberno e outras polas que levamos meses ou anos loitando e sobre as que seguiremos insistindo”.
Durante a súa xuntanza, na que participaron o vicevoceiro do grupo, Antonio Ameijide, a responsable de Servizos Sociais, Mari Teijeiro, e a de Urbanismo e Economía, Isabel Devesa, os populares trasladaron que “na permanente vontade do Grupo Municipal do Partido Popular por traballar en positivo pola veciñanza luguesa” incorporaron entre as súas propostas das ordenanzas fiscais algunha cuestión relativa ás melloras de accesibilidade. En concreto, propuxeron que na ordenanza 103, a de taxas pola prestación de servizos urbanísticos, se ampliase ata o 90% a bonificación para aquelas obras encamiñadas á eliminación de barreiras arquitectónicas nas construcións, instalacións e obras de reforma que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade para as persoas con discapacidade. “Estamos no sendeiro de conseguir un Lugo plenamente accesible e inclusivo, polo que é importante dar todas as facilidades, incluídas as fiscais”, subliñou Mari Teijeiro, quen puntualizou que “existe un compromiso verbal do goberno local por incorporar en 2017 esta mellora proposta polo PP”.
Ascensores Muralla e Fontiñas.-
Así mesmo, a edil popular incidiu en que “o noso compromiso coa accesibilidade é patente, non só coa instalación dun ascensor á Muralla, unha obra longamente demandada pero que tivo que agardar á chegada de Núñez Feijoo á Xunta de Galicia para ser realidade, senón tamén coa nosa insistencia como grupo político da corporación”. Nesa liña, entre as iniciativas “que temos trasladado ao Concello e sobre as que seguiremos insistindo” a popular aludiu á construción dun ascensor que comunique a Ronda das Fontiñas coa rúa Manuel Fraga (a antiga Ramón Montenegro), ao desbloqueo “definitivo” do elevador do Sagrado Corazón, “tantos anos sobre o papel pero que hoxe segue sen estar a disposición dos veciños”, a revisión do mobiliario urbano que impide o paso de persoas con dificultades de mobilidade, ou á reiterada demanda de que haxa un maior control sobre as prazas de estacionamento reservadas para este colectivo. “Somos dos que pensamos que a discapacidade non é unha barreira, senón que as barreiras as pon a sociedade ao non ter en conta a diversidade; de aí o noso traballo intenso nesta materia”, destacou Teijeiro.
Por último, a edil popular lembrou que “a accesibilidade ocupaba un capítulo moi importante no Plan de Investimentos que o PP consensuou con López Orozco en 2014”, unha sensibilidade que os populares agardan que “manteña o novo goberno”.