El portavoz popular, Jaime Castiñeira, reclama que para 2016 el Impuesto de Bienes Inmuebles se reduzca “por lo menos” en un 3,3%, “en la parte que PSOE y BNG aprobaron unilateralmente subir”, y una rebaja de un 10% en la tasa de vehículos de menor cilindrada
O voceiro popular Jaime Castiñeira presentou esta mañá unha batería de propostas do GMPP con vistas ás ordenanzas fiscais de 2016, que, segundo detallou na rolda de prensa, pretenden “dar resposta a un cúadruple obxectivo”: reducir a presión fiscal sobre os lucenses, fomentar a creación de emprego, mellorar a imaxe de Lugo e contribuír á fixación de poboación na zona rural. “Trátase de realizar un estudo global e en profundidade de todas as ordenanzas de tributos e prezos públicos porque en todas hai modificacións que se deberían incorporar”, explicou.
Redución da presión fiscal.-
En primeiro lugar, os populares ven “necesario” reducir a presión fiscal sobre os lucenses, “en consonancia coas políticas de rebaixa de impostos que están a emprender outras administracións, unha vez que a economía comezou a dar síntomas de mellora”. Nese senso, consideran “claramente insuficiente” a conxelación que propón a alcaldesa, posto que entenden que “o diñeiro dos lucenses está mellor no seu peto que nas arcas municipais se non se executan investimentos nin se realizan accións de mellora”, de xeito que “parece que o pago de impostos dos lucenses só serve para que o goberno presuma constantemente de superávit a costa dos veciños”.
Pola contra, os populares avogan pola redución en “alomenos” un 3,3% do Imposto de Bens Inmobles “para adaptalo á realidade”, e logo de que, a maiores do incremento decretado a nivel estatal, PSOE e BNG aprobasen unilateralmente unha suba para 2012. “Vemos que nalgunhas cidades do noso entorno xa se está a traballar nesa liña e Lugo non ten por que ser diferente”, apuntou Jaime Castiñeira.
Paralelamente, os edís populares tamén propoñen a rebaixa nun 10% no imposto de circulación dos vehículos de menor cilindrada, xa que “incluso se podería aumentar a recadación por este concepto, posto que neste momento moitos veciños estanse empadronando en Concellos limítrofes ao ser este imposto alí máis barato” así como a creación dun Plan de Pago Fácil, que permita aos luguese fraccionar, en 10 cotas mensuais, o abono dos impostos municipais de contía fixa. “Trátase de que a carga fiscal teña o menor impacto posible sobre as economías domésticas”, indicou.
Fomentar a creación de emprego.-
Outro dos obxectivos da proposta fiscal do GMPP é o fomento na creación de emprego, para o que propoñen unha bonificación do 95% para as licenzas de apertura de establecementos aos emprendedores que inicien a súa primeira actividade, así como a extensión ao resto do Concello das bonificacións fiscais municipais no Polígono das Gándaras para “todo tipo de construcións e obras que se consideren claramente de utilidade municipal, cunha revisión e acotamento rigoroso deste concepto”.
Ao mesmo tempo, dentro do “estudo global do conxunto das ordenanzas fiscais”, os populares tamén solicitan a revisión da de lixo e a da ORA. Nese senso, no relativo á de lixo, os populares propoñen que o custe deste imposto se calcule tendo máis en conta o volume de residuos xerado que a superficie, como agora”, posto que “hai actividades con superficies importantes que xeran poucos residuos e ao contrario”. “É a maneira de fomentar a redución de produción de residuos”, subliñou Castiñeira. E no que incumbe á da ORA, o GMPP esixe a modificación da ordenanza, “logo de que o goberno municipal suspendera a prestación do servizo pola empresa concesionaria sen cambiar as ordenanzas que o regulan” e, nesa liña, indica que “as tarifas seguen a estar fixadas”, polo que “se se incorporan cambios como a gratuídade da primeira media hora de estacionamento ou os sábados ou a eliminación do servizo, como levamos pedindo moitos meses, terase que recoller aí”.
Mellora da imaxe de Lugo.-
En terceiro lugar, coa finalidade de mellorar a imaxe de Lugo e as condicións de habitabilidade das vivendas, os populares solicitan estender ao resto de barrios e ás parroquias a bonificación que actualmente existe no casco histórico dun 95% nas licenzas de obras (ICIO, Imposto de Construcións, Instalacións e Obras) para actuacións de mellora e rehabilitación, ao tempo que se promove a creación de emprego. Tamén dentro desta taxa do ICIO, Jaime Castiñeira reclama ampliar a bonificación actual do 50% ata o 95% en obras de accesibilidade e habitabilidade para persoas con discapacidade.
Por outra banda, os populares tamén demandan “maior racionalidade, que se traduza nunha rebaixa” nas taxas de ocupación de vía pública, “posto que, neste momento, danse algúns casos nos que o abono deste imposto é superior ao custe que teñen globalmente as obras”.
Contribuír a fixar poboación no rural.-
Por último, Jaime Castiñeira apuntou que “na medida en que fixar poboación nas parroquias tamén é outra das nosas prioridades faise necesario adoptar algunha proposta específica para eles”. Así, os populares suxiren bonificar en ata un 95% a segregación de parcelas e a construción de naves e instalacións agrícolas, entre outras partidas.