El viceportavoz popular Antonio Ameijide pide que se estudie la posibilidad de sustituir los semáforos por una rotonda en intersecciones como en Avenida de Magoi con Campos Novos o Avenida de Magoi con Estrada da Granxa, entre otras
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, propuxo esta mañá cambios na regulación semafórica en dez puntos da cidade, que agrupou en catro bloques.
En primeiro lugar, Ameijide apelou á conveniencia de estudar a viabilidade de substituír a regulación semafórica hoxe existente por fórmulas alternativas como rotondas, en casos como a intersección de Avenida de Magoi con Campos Novos ou no cruce de Avenida de Magoi con Estrada da Granxa.
Paralelamente, o vicevoceiro popular referiuse á reubicación dos semáforos para reforzar a seguridade en cruces conflitivos, o que exemplifica no traslado dos dispositivos lumínicos que hoxe se atopan entre Perpetuo Socorro e a Avenida da Coruña, de xeito que pasasen á intersección “moito máis perigosa” entre Xulia Minguillón, Ramiro Rueda e a propia Avenida da Coruña.
Así mesmo, Ameijide incidiu na necesidade de instalar novos semáforos en cruces como o de Ángelo Colocci coa rúa Lavandeira, así como probablemente outros con ámbar para advertir do risco de interseccións especialmente difíciles como a de San Roque – Marina Española – Pena do Rei ou a de Bal y Gay – Xosé Castiñeira – Ronda das Mercedes – Xosé Novo Freire. “Estamos a falar de que un simple dispositivo en ámbar provocaría que os condutores transitasen con máis atención e conciencia do perigo”, apuntou.
En cuarto lugar, o popular reclamou cambios na regulación semafórica, tanto nas frecuencias de paso (é o caso da rúa Orquídea coa Avenida Breogán e desta mesma rúa coa Iglesia Alvariño tras o incremento da intensidade do tráfico que se produciu logo da entrada en funcionamento do centro comercial Abella) como noutras medidas. Entre elas, citou a posibilidade de que se permita permanentemente cun semáforo auxiliar en ámbar o xiro á dereita para os vehículos que circulan por Infanta Elena e queiran dirixirse a Monte Faro; o xiro á esquerda nas mesmas condicións para quen acceden á rúa Catasol dende o carril Catasol; ou facer coincidir a posibilidade de paso no semáforo situado da confluencia Ronda das Mercedes con Rof Codina para os vehículos que continúan cara a Ronda das Fontiñas e para os que xiran á esquerda. “Son cuestións que non teñen impacto económico ningún pero que, sen dúbida, contribuirían a unha mellora substancial na fluídez do tráfico”, expuxo.
Finalmente, Ameijide reiterou “a necesidade” de intervir e mellorar en interseccións “dos que temos falado en moitas ocasións previamente”, como o cruce entre Santo Grial e Mar Cantábrico ou a confluencia de San Eufrasio. “Por comodidade, pero sobre todo pola seguridade dos peóns e dos condutores, cómpre analizar todos estes puntos e moitos outros, xa que algúns acumulan varios atropelos e accidentes ás súas costas”, concluíu o vicevoceiro popular.