Sagrario Sánchez explica que este órgano debería reunirse como mínimo una vez al año para abordar asuntos que preocupan y afectan a la comunidad educativa y lamenta “la falta de implicación del bigoberno con este colectivo”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular Sagrario Sánchez reclama a convocatoria urxente do Consello Escolar Municipal, órgano no que están representados directores dos CEIP, sindicatos, Anpas, Inspección… que leva tres anos sen convocarse e debería xuntarse, unha vez ao ano. “Fíxose unha única xuntanza a comezo do mandato e non se volveron a acordar”, salientando que os problemas da comunidade educativa e as achegas que pode realizar este colectivo deberían terse en conta.
A concelleira popular Sagrario Sánchez contactou cos CEIP do municipio para coñecer a realidade de cada centro e viu como é preciso a designación “dun interlocutor entre os centros educativos e o Concello de Lugo para dar resposta ás necesidades dos mesmos”.
A edil popular fai esta reflexión ao comprobar como as diferentes necesidades dos CEIP pérdense na burocracia municipal xa que hai cuestións que, segundo comunican dende o propio Concello de Lugo, resólvense en áreas diferentes á concellería de Educación. Un exemplo desta “falta de coordinación” entre áreas pode ser que a reparación dun muro ten que resolverse dende a área de Infraestruturas, “polo que en moitas ocasións, dende os propios centros xa non saben a quen teñen que dirixirse”.
No referente á falta de conserxes no comezo do curso escolar, asunto que non se resolve dende Educación (dependente do BNG) senón que depende a área de Persoal (dependente do PSOE), a popular pregunta “por que houbo tanta demora á hora de suplir as baixas”, unha situación que dende o PP agardan que non se deba “a unha nova liorta entre os socios de goberno, xa que os únicos que pagan estas liortas son os lucenses” polo que os populares piden que se resolva canto antes esta situación.
Outro tema recorrente nos CEIP do municipio é a falta de limpeza, xa que nalgúns centros o persoal de limpeza non é suficiente (como o CEIP Anexa e o CEIP A Ponte).
Outras necesidades que o Grupo Municipal Popular trasladará ao equipo de goberno para buscar solución son:
No CEIP Gándaras desde hai anos, tanto os pais como os nenos teñen que ir pola calzada debido á falta de beirarrúas. Unha situación denunciada en reiteradas ocasións dende o PP e para a que se chegaron a reservar 60.000€ para estas obras, encomendadas a Evislusa, pero que nunca chegou a ser unha realidade. Tamén é precisa a renovación periódica da area do areeiro, que actualmente leva 4 anos sen renovar nin encher.
No caso do CEIP A Ponte é preciso dotar o entorno do centro de prazas de aparcamento xa que non hai, polo que os pais teñen que estacionar nun carril de circulación ou na beirarrúa mentres deixan aos nenos no colexio, complicando así o traballo do servizo de transporte escolar. Tamén cómpre mellorar o areeiro, a limpeza, a poda de varias árbores, arranxar e pintar varios muros do centro e pavimentar outra vez o patio xa que cando chove fórmanse charcas moi grandes.
No CEIP Anexa cómpre podar periodicamente os arbustos que hai no entorno da zona de xogos infantil, realizar desratizacións periódicas e encher o areeiro da zona de xogos infantil.
No referente ao CEIP Paradai é preciso renovar o asfalto do aparcamento que no centro xa que está en moi mal estado e realizar a limpeza do muro do patio traseiro do colexio.
Para finalizar o Grupo Popular explica que “o Concello de Lugo debería tomar máis en serio estas cuestións que deberían estar resoltas antes do inicio do curso escolar”.