El edil popular Antonio Ameijide solicita medidas de refuerzo de la seguridad de los peatones, como mejoras en la señalización horizontal y vertical, así como la incorporación de dispositivos luminosos y de sensores que contribuyan a garantizar la circulación de personas
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular Antonio Ameijide reclamou esta mañá en rolda de prensa un plan integral de protección do peón en Lugo, logo da vaga de atropelos que se vén rexistrando na cidade nos últimos anos.
Deste xeito, ás medidas que tradicionalmente foron implantadas e cuxa mellora demanda o Grupo Municipal do Partido Popular (repintado da sinalización horizontal e reforzo da vertical), cómpre engadir outras novas que permitan dar “novas solucións a vellos problemas”, como a instalación de sinalización luminosa no pavimento, que se acenda cando o peón estea a atravesar a calzada, ou sensores de presenza de peóns. Así, Antonio Ameijide propuxo adoptar “de xeito piloto” iniciativas deste tipo “en zonas con especial risco, como a Avenida de Coruña, o entorno do HULA ou as inmediacións de colexios e institutos, Camiño Real, Ronda das Fontiñas ou Polígono do Ceao”. Paralelamente, os populares suxiren a revisión da ubicación do mobiliario urbano así como a instalación de medidas para a deceleración da velocidade dos vehículos, así como unha conservación periódica que garanta un estado óptimo deste tipo de elementos.
O popular explicou que, de acordo cos atestados levantados pola Policía Local, dende 2012 na cidade producíronse uns 250 sinistros deste tipo, “cunha tendencia en aumento sostido”, posto que dos 65 atropelos dese ano pasouse aos 66 de 2013 e aos 69 de 2014. “E ata setembro deste ano xa ían outros 49, co que de continuar esta progresión a final de ano moverémonos nunha cifra similar”, indicou Ameijide, que culpou ao goberno “de falta de sensibilidade e de provocar a total desprotección do peón”. Así mesmo, afirmou que, segundo as estatísticas da DGT, Lugo é a cidade galega na que se producen máis accidentes en casco urbano cun peón implicado, posto que os datos lucenses contrastan cos de Santiago (30 sinistros), de Ourense (34) ou de Vigo (29).
Nesa liña, o edil popular censurou que “aínda non deran comezo os traballos de repintado de sinalización”, que acumulan unha “demora excesiva” dende a sinatura do contrato o 10 de agosto “e despois dun acordo entre PP e PSOE para promovelo en xuño de 2014”. “O goberno municipal deixou pasar por dúas veces a mellor época do ano, tanto dende o punto de vista climatolóxico como do menor volume de tráfico, para executar estas intervencións”, subliñou Ameijide, quen tamén reiterou a súa crítica da “exclusión de numerosos puntos nos que o inspector xefe do gabinete de tráfico aconsellaba actuar, de xeito que numerosos barrios da cidade, como A Milagrosa, A Piringalla ou A Residencia, quedaron totalmente á marxe, sen que se vaia pintar neles un só punto”. “Estamos a falar de que mentres que se repintan puntos de carga e descarga que non provocan riscos, moitos cruces perigosos de diversos barrios (como a intersección entre Santo Grial e Mar Cantábrico) ou pasos de peóns totalmente borrados quedarán sen ningunha actuación; e noutros casos nin sequera se aproveitará a oportunidade para dar cumprimento aos acordos plenarios, como no redeseño da intersección entre San Eufrasio e Ronda das Fontiñas”, insistiu.
Por último, o responsable de Tráfico do GMPP criticou que “a pasividade e a desprotección do goberno socialista nesta materia provocou que algunha entidade privada se vise obrigada a intervir e repintar pasos de peóns e outra sinalización horizontal horizontal en zonas municipais”, en relación á actuación dun centro comercial en Infanta Elena.