Rafael Pérez explica que conectar esta fuente, que está en pleno Camino Primitivo, a la red de abastecimiento es una intervención sencilla ya que la red de abastecimiento está a un metro de la fuente y daría un servicio fundamental a los peregrinos que realizan el camino y que desde hace meses piden agua a los vecinos
O Camiño Primitivo é un dos maiores reclamos turísticos que ten Lugo polo que coidar todo o que hai arredor do camiño é fundamental para garantir que a imaxe que levan de Lugo os peregrinos sexa a mellor. Unha implicación que si que mostra a Xunta de Galicia pero que, no caso do Concello de Lugo, deixa moito que desexar.
Un destes exemplos que saca a relucir Rafael Pérez é unha fonte no barrio da Chanca, na entrada do camiño a Lugo, que secou hai dous anos “sen que ao goberno local lle importe” o que provoca que os peregrinos pidan auga aos veciños ante a ausencia dunha fonte pública da que abastecerse.
“Vemos como o abandono de PSOE e BNG con Lugo é diario e compróbase en cada barrio da cidade. Están enfrascados nunha confrontación dentro do goberno local o que provoca que non atendan as necesidades dos veciños”, lamentou o popular.
Rafael Pérez sinala que esta fonte podería manar auga de novo cunha intervención moi sinxela, xa que a rede de abastecemento municipal pasa a un metro desta fonte, polo que se podería realizar de inmediato e dar unha resposta inmediata ás necesidades dos camiñantes. “A mágoa é que deixaron pasar tantos meses e a tantos peregrinos levando unha mala imaxe de Lugo”, lamentou.
Pero nesta zona tamén hai outras necesidades. Por exemplo, a limpeza da maleza. O concelleiro popular pon de relieve como hai poucos días que a área nacionalista do goberno local sacou varias fotos con diversos carteis que colocaron no Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo sinalando que na Chanca colocaron un cartel e “unicamente limparon a maleza no metro e medio que ocupa o cartel, deixando o resto do camiño sen rozar”.
Ante esta situación, Rafael Pérez esixe “responsabilidade” ao goberno local e un plan de limpeza do barrio e un repintado urxente xa que se trata dun punto “moi estreito” onde hai tránsito habitual de coches e veciños e peregrinos “polo que sería convinte reforzar a sinalización e a seguridade”.
Por último, o popular quere destacar un pequeno exemplo do que debe ser a preocupación do goberno local polos veciños. Na Chanca colocaron hai meses uns cobertores para agochar os colectores do lixo e mellorar a imaxe. “Unha boa iniciativa” pero que caeu en saco roto ao ver como a porta que dá acceso aos colectores ten un pasador que non funciona xa que o pasador e a ponte na que ten que entrar non están a mesma altura “polo que a porta, cando hai aire abre de súpeto e non é a primeira vez que bate contra algún peregrino”. “Se os membros do goberno local saíran á rúa verían que hai necesidades que con moi pouco se solucionan”, apuntou.