El Grupo Municipal Popular promoverá la creación de una Mesa de Trabajo entre los seis grupos políticos de la corporación para “ser nosotros y no la empresa concesionaria, como prevé el gobierno, quien decida el modelo de transporte para Lugo”
Antonio Ameijide anunciou esta mañá que o grupo municipal do que é vicevoceiro promoverá no vindeiro pleno a creación dunha Mesa de Traballo para abordar a reorganización do transporte urbano, cuestión que considera “urxente e inaprazable”.
“É evidente que o Concello non se pode resignar a, como ten previsto o goberno municipal, deixar pasar outro ano máis ata que a empresa formule as súas propostas, que non teñen por que coincidir coas demandas e as necesidades dos lucenses”, subliñou o popular, quen tamén indicou que “evidentemente o Concello debe velar pola prestación dun servizo público de calidade”. Nesa liña, Antonio Ameijide apuntou que “estamos diante dun asunto que require dun traballo e dun posicionamento claro por parte de cada un dos seis grupos que configuran a corporación municipal”. “Por máis que o goberno municipal fuxa deste debate, igual que de tantos outros, non se debe negar ao intercambio de ideas democrático porque é hora de poñerse a falar da reordenación de liñas, da redución das tarifas ou da mellora das frecuencias”, destacou o popular.
A xuízo de Ameijide, o feito de que “a alcaldesa non tentase introducir nin un só cambio no modelo que deixou atado o anterior goberno municipal, que aboca ao transporte público de Lugo a seguir sumido no fracaso por non ser nin útil nin puntual nin cómodo nin atractivo, tamén reflicte que non quería ocupar ese cargo”. “Só así se pode entender que se desentenda sistematicamente de todos os asuntos de transcendencia para o presente e o futuro de Lugo, xa que as únicas iniciativas que se lle coñecen son as que herdou de López Orozco”, aseverou.
Propostas do PP.-
Polo demais, o vicevoceiro popular insistiu nas iniciativas que ao longo dos últimos meses veu defendendo o Grupo Municipal do Partido Popular, encamiñadas a unha “renovación integral” do transporte público, con medidas no ámbito das tarifas e as liñas, fundamentalmente.
Deste xeito, Ameijide defendeu a gratuídade dos autobuses urbanos para pensionistas, xubilados e familias con escasos recursos, así como dos transbordos para todos os usuarios. Por outra banda, tamén suxiriu a creación de bonos familiares con descontos progresivos en función do número de persoas que compoñan o núcleo así como para traballadores, posto que “se imos ter un servizo deficitario, no que o Concello teña que cubrir as perdas, o mínimo que podemos pedir é que sexa útil e xusto”.
No tocante ás liñas, o vicevoceiro popular aludiu á necesidade de facer un redeseño de xeito que os percorridos sexan “máis curtos”, mellorando deste xeito as frecuencias de paso, e, ao mesmo tempo que permitan cubrir máis superficie municipal.
Por último, Ameijide propuxo a incorporación de ferramentas propias das novas tecnoloxías para facer “máis útil e atractivo” o servizo, entre as que citou a creación dunha APP para móbiles “que facilite e modernice o transporte urbano”, a recuperación dos paneis informativos ou a instalación de rede inalámbrica wifi nos vehículos, entre outras.