As persoas con discapacidade conforman un grupo vulnerable e numeroso, ao que o modo no que se estrutura, e funciona a sociedade, mantén habitualmente nas coñecidas condicións de exclusión.
Este feito comporta a restrición dos seus dereitos básicos e liberdades, condicionando e ou obstaculizando o seu desenvolvemento persoal, así como o acceso e aproveitamento dos recursos e servizos dispoñibles para toda a poboación, e a posibilidade de contribuír coas súas capacidades ao progreso da sociedade.
Este é o caso no que se atopan aínda moitas mulleres e homes con discapacidade no noso municipio, quen, malia aos innegables progresos sociais acadados, e os diferentes programas postos en marcha por distintas administracións ou entidades sociais seguen a ver limitados eses dereitos de acceso ou uso de entornos, procesos ou servizos que, ou ben non foron creados tendo en conta as súas necesidades específicas ou ben se revelan expresamente restritivos para a súa participación nos mesmos.
Os efectos destes obstáculos materialízanse nunha situación de exclusión social que debe ser inexcusablemente abordada polos poderes públicos.
A integración social das persoas con discapacidade é un dereito constitucional, e corresponde aos poderes públicos levar a cabo políticas que eliminen as barreiras que a impiden ou dificultan.
Dende o Grupo Municipal do Partido Popular consideramos que a incorporación ao mercado laboral é un factor destacado para conseguir a plena integración deste colectivo polo que instamos ao Goberno municipal deste Concello á creación dun Plan municipal de mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade o cal, entendemos que debería ser elaborado de forma consensuada coas entidades do tecido social da discapacidade.
As principais medidas que debería contemplar este plan son:
-Creación e desenvolvemento dunha política de intermediación entre o tecido empresarial e social para a sensibilización, concienciación e integración laboral das persoas con discapacidade.
– Favorecer a creación de postos de traballo de especial protección destinados a persoas con Discapacidade severa (onde se inclúen persoas con discapacidade intelectual, mental e discapacidade física en grao de 65%) ou fomentar a súa creación na empresa privada mediante liñas específicas de axudas.
– Creación dunha liña de axudas para o fomento da contratación de persoas con discapacidade e a adaptación dos postos de traballo.
– Maior control e mellora nas cláusulas de contratación pública.
Por todo elo o Grupo Municipal do Partido Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:
Instar ao goberno municipal a que elabore un Plan Municipal de Mellora da Empregabilidade das Persoas con Discapacidade e/ou Diversidade Funcional.