
O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo pedirá no vindeiro Pleno a comparecencia do Goberno local para que explique por que segue sen dar información detallada sobre a calidade da auga da billa en Lugo.
Temos constancia, por publicacións recollidas en medios de comunicación local, que houbo sancións por deficiencias no nivel de cloro nalgunhas mostras recollidas por Sanidade e, por ese motivo, queremos saber se o concello se defendeu e se presentou algunha alegación.
Curiosamente, a sanción por falta de cloro coñeceuse o mesmo día en que se fixo a adxudicación da empresa encargada das análises da auga. Hai que lembrar que a licitación deste contrato saíu en xuño de 2024, pero tardaron un ano en resolvelo. Precisamente as incidencias máis graves (brote de lexionela nas Caldas -setembro 2024- e deficiencias de cloro na billa – marzo 2025) se producen xusto neste período. Esta coincidencia fai que a situación sexa aínda máis preocupante e require explicacións urxentes.
Para os populares a calidade da auga é un asunto fundamental os cidadáns merecen explicacións “non se trata de alarmar, senón de ser rigorosos e contundentes diante das inquedanzas da cidadanía polas novas que se veñen de coñecer de falta de cloro na auga da billa”.
Esta será a terceira vez que pedimos unha comparecencia para abordar temas de interese xeral, despois de que os 8 concelleiros do PSOE e os 5 concelleiros do BNG votasen en contra de comparecer para dar explicacións sobre o conflito laboral na Escola Infantil Gregorio Sanz e sobre o brote de lexionela nas caldas.
Os lucenses merecen que o seu goberno dea a cara e non esquive as súa responsabilidades. Agardamos que nesta ocasión voten a favor e non volvan negar a transparencia.