Estes últimos anos estamos asistindo a unha despreocupación por parte do goberno deste concello, cada vez maior no que se refire a contías e prazo na convocatoria de axudas e subvencións tanto a entidades sociais como a persoas en situación de escasos recursos.
Segundo o Plan estratéxico de Subvencións do Concello de Lugo, a Xunta de Goberno ten competencia na aprobación das bases que rexerán a convocatoria pública de subvencións, nas que se determinan os requisitos para acceder a elas, así como os criterios e baremos para a súa adxudicación.
No caso das Axudas a familias con escasos recursos para a adquisición de libros e material educativo é preciso destacar que Lugo é unha das 7 grandes cidades que menos cartos adica a esta axuda, ademais de estar asistindo ano tras ano a retrasos históricos na súa convocatoria, chegando a superar incluso a data de comezo da actividade escolar obxecto de dita axuda. Así a ultima convocatoria destas axudas as familias lucenses que solicitaban a mesma non o podían facer ata comezado o curso escolar e non souberon se tiñan dereito a mesma ata pasado o primeiro trimestre de curso.
O mesmo acontece coas Axudas a entidades sen ánimo de lucro que realizan a súa actividade no eido dos servizos sociais que se ven abocadas a realizar os seus proxectos sen ter a certeza de contar coa axuda do concello ou a abandonar algúns outros ante a incerteza de novas axudas. Así este ano víamos como o retraso no pago de subvencións nominativas de servizos sociais chegou a ser de 2 anos e o orzamento para as axudas de concorrencia competitiva minguaba con respecto ao 20015.
Dende o GMPP consideramos precisa unha mellor planificación para que estas subvencións sexan realmente unha axuda para quen precisa facer uso das mesmas e non unha preocupación ante o excesivo retraso tanto na súa convocatoria como no seu abono en caso de concesión.
Por todo elo o Grupo Municipal do Partido Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:
- Adiantar as datas de convocatoria e axilizar a tramitación das axudas a familias con escasos recursos para adquisición de libros de texto e material escolar.
- Ampliar a contía das axudas ata os 100 euros para cubrir en maior medida esta necesidade.
- Adiantar as datas de convocatoria e axilizar a tramitación das Axudas a entidades xurídico-privadas sen ánimo de lucro que realizan a súa actividade no eido social, e axilizar así mesmo o pago das axudas concedidas, unha vez estean debidamente xustificadas.
- Ampliar nos orzamentos de 2017 a contía a destinar a estas axudas, favorecendo unha maior cobertura do traballo asociativo no eido dos servizos sociais.