Municipalización do servizo do guindastre/ 26.05.2016
O Partido Popular lamenta o pasotismo do goberno municipal para dalos pasos necesarios para municipalizar o guindastre un dos servizos máis deficitarios do Concello.
No Pleno ordinario celebrado o 24 de setembro de 2015 adoptouse un acordo plenario, con número 10/118, relativo á municipalización do servizo de retirada de vehículos, transcorrendo oito meses dende a adopción do devandito acordo sen dar cumprimento ao mesmo, nin mostrar ningunha intención de facelo por parte do equipo de goberno.
É por isto polo que solicitamos que se dea cumprimento de forma inmediata ao acordo plenario e se inicien os trámites necesarios para asumir directamente con persoal e medios municipais o servizo, así como a aplicación do artigo 97 do Texto Refundido das Disposicións Legais vixentes en materia de Réxime Local, que recolle a necesidade de constituír unha Comisión formada por membros da Corporación e Técnicos municipais para levar a cabo os trámites e estudos necesarios para a municipalización deste servizo.
Por todo elo o Grupo Municipal do Partido Popular considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal ACORDE:
Iniciar de xeito inmediato o expediente de municipalización do servizo de guindastre, de acordo co artigo 97 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local.