O voceiro popular Jaime Castiñeira critica que “unha filial de Vendex, eixe da Operación Pokemon, leva dende novembro de 2014 facturando sen contrato ao Concello pola atención nos museos e sen visos de que mude a súa situación”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, denuncia pagamentos sen contrato por importe duns 600.000 euros a Sermasa, filial de Vendex que se ocupa da xestión dos museos municipais e a información turística.
Jaime Castiñeira considera “inxustificable e inxustificado” que esta empresa, “eixe da Operación Pokemon”, leve “beneficiándose desta situación” dende novembro de 2014, “co agravante de que é a terceira vez que ocorre neste servizo e con esta mesma empresa privada nos últimos anos”. Nesa liña, detalla que “esta situación totalmente anómala e irregular” se produciu entre xuño de 2010 e marzo de 2012, cando ingresou 280.000 euros; outros 50.000 euros na primavera de 2013; e uns 243.000 euros entre novembro de 2014 e marzo de 2016, último mes que consta abonado. “E, como non, sempre coa advertencia expresa do interventor municipal da necesidade de corrixir e mudar a situación, cos pertinentes reparos de legalidade que sistematicamente levanta a nova alcaldesa, exactamente igual que o facía o seu predecesor”, apunta o popular.
Así mesmo, o voceiro popular destaca que “á marxe do aforro económico que se obtería cunha nova licitación e do que se está a privar aos lucenses, debería existir tamén unha mínima preocupación por non seguir permitindo que unha empresa estritamente vencellada aos casos de corrupción que tanto dano lle fixo á imaxe pública do Concello e dos lugueses continúe facturando tan impunemente”.
Por último, Jaime Castiñeira salienta que “a ninguén se lle escapa que esta situación, da que se beneficia claramente a filial de Vendex, é moi similar á da empresa da ORA, á que os gobernos socialistas lle permitiron continuar explotando a zona azul da cidade durante catro anos máis malia á sentenza xudicial que anulaba o contrato polas irregularidades que se cometeran no procedemento de adxudicación”.