Jaime Castiñeira explica que “o único que sería extemporáneo sería agardar ao pronunciamento do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, posto que a partir de que haxa unha resolución firme a marxe que lle queda ao Concello é moito menor”
O voceiro popular Jaime Castiñeira reclama ao goberno municipal que non agarde á decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para crear unha comisión para garantir a defensa dos intereses dos lucenses en relación á CS-5 e o seu entorno.
Logo de coñecer que os socialistas son partidarios de esperar a que se produza o pronunciamento do TSXG, Jaime Castiñeira alerta de que “unha vez que se produza unha resolución firme deste tribunal, a marxe de decisións que lle pode quedar ao Concello de Lugo vai ser moito menor”. Nesa liña, o voceiro dos populares no Concello de Lugo pide ao grupo de goberno “maior seriedade e maior rigor” nos argumentos que empregarán durante o debate desta iniciativa plenaria. “Dá a impresión de que o equipo de goberno pretende seguir estando agazapado sen defender os intereses dos lucenses”, opina Jaime Castiñeira.
Ademais, o voceiro popular tamén asegura que “o que sería verdadeiramente extemporáneo sería seguir deixando pasar o tempo sen tomar ningunha decisión”. “Precisamente é o goberno quen quere que esta comisión estea fóra de tempo e fóra de lugar ao supeditar a súa creación a unha resolución xudicial que non se sabe cando se vai producir”, asevera.
Así mesmo, insiste en chamar ao consenso ao resto de grupos da corporación, posto que “de 25 concelleiros, hai 17 que non pertencemos aos responsables políticos de que se autorizasen as seis torres de vivendas”. “É precisamente no pleno onde temos que debater sobre a conveniencia da creación desta comisión, cuxo obxectivo último é que os lucenses non teñamos que asumir un só euro de indemnización polo Garañón”, recalca.
Plan Xeral de 1991.-
Por outra banda, Jaime Castiñeira tamén puntualiza que “o que está en cuestión non é o Plan Xeral de Ordenación Municipal de 1991, senón a xestión urbanística (convenio, concesión de licenzas…) que do mesmo realizou no entorno do Garañón o goberno socialista”. “A mellor proba de que isto é así é que quen están imputados pola comisión de varios delitos son o ex alcalde e o ex concelleiro de Urbanismo, non quen aprobaron o PXOM”, explica.
Por último, os populares invitan aos socialistas a afrontar a cuestión do Garañón “con rigor e seriedade, sen intentar manipular con mentiras tan burdas como que o Plan de 1991 foi obra do PP”, dado que a dirección e o encargo dese documento urbanístico recaeu en Vicente Quiroga, durante a súa etapa de alcalde independente. “Dicir que o Plan de 1991 é do PP sería tanto como dicir que o de 2010, encargado polo PSOE, tamén o é, posto que a situación é idéntica: o único que fixo o PP en ambos os dous casos foi apoiar esos Plans Xerais por entender que, sen ser os seus, eran necesarios para o desenvolvemento do municipio”, conclúe.