Os populares afirman que a vía, que presenta un estado intransible, ten bastante tránsito “non só dos veciños que acceden as súas vivendas senón tamén dos lucenses que a utilizan como atallo para achegarse dende a N-640 á Ronda Norte”
O Grupo Municipal do Partido Popular reclama o arranxo do Camiño das Regas da Fervedoira “esta vía presenta un estado lamentable e o pavimento está desfeito por completo en varios tramos”. A estrada que circunvala o barrio da Fervedoira, parte da nacional 640 á altura do cruce de Castro Gil comunicando, no outro extremo, coa Ronda Norte.
Os populares afirman que os veciños que residen neste barrio levan anos solicitando que se repare o acceso xa que “algúns puntos son intransitables polas fochas que hai na calzada”. Dende o Grupo Popular afirman que é necesario solucionar o problema de forma inmediata porque “o mal estado do pavimento supón un perigo para os conductores que circulan pola pista xa que se ven obrigados a frear de forma brusca nos socavóns que a cubren de principio a fin”.
O Grupo Municipal indica que o concello podería perfectamente, cos medios propios dos que dispón, arranxar esta estrada e insiste en lembrar que “os veciños deste barrio pagan tamén como o resto dos lucenses os seus impostos”.