A vicevoceira popular Ana López Pombo indicou que “o estado do canil do parque de Frigsa é lamentable. Son os usuarios os que se encargan de sacar o lixo das papeleiras xa que os servizos de limpieza non o fan”A vicevoceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Ana López Pombo, reclamou ao goberno local que “arranxe inmediatamente tódalas deficiencias que presentan os tres caniles que hai na cidade, xa que non se pode consentir a imaxe terceiromundista dalgún deles”.
Ana López Pombo realizou un recoñecemento aos tres caniles que hai na cidade, situados en Acea de Olga, Carril dás Estantigas e o parque da Milagrosa, e, despois de inspeccionalos asegura que “o peor de todos é o do parque de Frigsa. Case non queda céspede polo nulo mantemento da zona. E, o peor de todo, é que os usuarios, para gorecerse da choiva, introduciron unha marquesiña vella de autobús e forrárona con plástico para non mollarse cando chove. A imaxe é terceiromundista”. A vicevoceira popular engadiu que “o ano pasado a porta pechábase cunha corda e agora foi un usuario o que puxo un peche el mesmo, ante a pasividade do goberno local, para conseguir que a porta se poida pechar. Ademais son os propios usuarios os que teñen que baleirar as papeleiras do interior do canil, xa que os servizos de limpeza non o fan”.
Á vicevoceira popular tamén lle chamou a atención o estado do canil que hai na contorna da Muralla. Ana López Pombo destacou que “o cartel informativo que hai na entrada o ano pasado non se podía ler porque estaba cuberto de pintadas e o único que se fixo foi pintalo totalmente de vermello. Ademais, a fonte segue sen repararse e a rede perimetral está rota”.
A valoración que Ana López Pombo fai do estado dos caniles da cidade é “moi negativa. O ano pasado xa denunciamos as deficiencias que presentaban e, nun ano desde o goberno local non foron capaces de facer algo, polo que o estado dos mesmos empeorou”.
López Pombo indicou que no municipio de Lugo hai case 14.500 cans identificados polo que a demanda de espazos deste tipo e en boas condicións é moi elevada. Por iso, a viceportavoz popular pide “sensibilidade ante este tipo de instalacións para que estean en boas condicións” e, de paso, lembra que “sería unha gran iniciativa a creación dun novo canil na cidade, unha dotación que non supoñería un gran investimento se se adecua a zona que xa suxerimos no pasado nos bancales do parque, xa que só necesitaríase pechar a zona, colocar a sinalización con normas de uso e un mínimo de mobiliario para os usuarios”.