Os concelleiros do Grupo Municipal do PP lamentaron que PSOE e BNG non teñan a “coherencia” que piden á oposición e voten en contra de retomar de inmediato os trámites para desenvolver o plan parcial do polígono da Louzaneta, unha promesa que Lara Méndez fixo aos industriais da zona en 2018, pero que segue a estar dentro dun caixón.
Cando hai máis de cincuenta anos se instalara no polígono industrial de A Louzaneta a primeira empresa, creouse a semente dun polígono que a día de hoxe conta con máis de corenta empresas.
No ano 1980 constituíuse a primeira Asociación de Empresarios deste polígono e aquí empezaron as demandas de seguridade, infraestruturas, acometidas….. 42 anos despois este polígono segue sen dispor dos servizos mínimos para desenvolver a súa actividade con normalidade. Un polígono pendente de desenvolver que en lugar de ser atractivo para a iniciativa empresarial é un cemiterio de naves empresariais que se viron abocadas ao peche pola falta de servizos e da colaboración das administracións públicas que foron incapaces de potenciar un polígono que podía dar servicio a unha zona importante da cidade. Inmobles que ademais teñen condenado o seu futuro, ante a imposibilidade de levar a cabo moitas obras de mellora e ampliación, precisas para a actividade dos seus titulares, pero condenadas tamén ante a imposibilidade de cambios de actividade se a nave queda sen uso e se lle quere buscar unha nova actividade empresarial.
No ano 2018 os empresarios da Louzaneta adquiren o compromiso da Sra. Méndez de desenvolver un plan parcial neste polígono o que permitía dar por terminadas décadas de limitacións para as empresas que non podían elaborar plans de expansión e crecemento porque as condicións das súas instalacións e a súa contorna non cumprían as condicións mínimas para levalo a cabo.
Estamos a falar do polígono industrial máis antigo da cidade, un polígono que foi a orixe de empresas que hoxe son punteiras no seu sector e que algunhas delas tiveron que abandonar polas deficiencias que presenta ao non abastecer ao tecido empresarial dos servizos mínimos necesarios para desenvolver a súa actividade.
Un plan parcial que estaba previsto que se desenvolvese cando no 2018 o goberno municipal se comprometeu cos empresarios a desenvolver o plan parcial que podería ser o principio dun cambio que permita a este núcleo saír do abandono no que se atopa.
Por todo elo o Grupo Municipal do Partido Popular, que subscribe esta proposición, considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
O Concello de Lugo inicie e retome de inmediato as tramitacións necesarias para desenvolver o Plan parcial para o Polígono industrial da Louzaneta.