O voceiro do Grupo Popular Ramón Carballo explicou esta mañá a representantes das ANPAS, Federación de Comercio, Autónomos, Asociación de Hosteleiros, Lugo Monumental, Mulleres Empresarias, Federación de Veciños, entre outros, a súa proposta para controlar os botellóns que nos últimos meses están proliferando en Lugo.
“Todos os que hoxe participaron neste encontro coincidiron en que hai que ser proactivos” manifestou o voceiro dos populares quen rexeitou “a actitude de indiferencia da alcaldesa e que se escuda en que o botellón é unha problemática xeralizada en todas as cidades”.
Carballo lamenta que Lara Méndez considere “unha simpleza a batería de medidas que suxire o Grupo Municipal do PP”. “Nós presentamos varias alternativas nas que traballar e que pasan pola aprobación dunha ordenanza para dotar de ferramentas legais aos axentes da policía á hora de sancionar lembrando como Lugo é a única gran cidade galega que carece desta normativa. Os populares tamén insisten en que é necesario poñer cámaras de videovixilancia no entorno dos monumentos emblemáticos como é o caso da zona da Catedral onde o pasado xoves houbo un brutal botellón. Outro aspecto que non se pode descoidar é a previsión de dispositivos especiais de vixilancia e tamén de limpeza xa que todos sabemos onde e cando se producen estas concentracións”. Por último o voceiro popular fixo fincapé en que a administración local debe facer un maior investimento en alternativas de ocio así como en programas de prevención.