Economía

O PP achaca o retraso dos orzamentos de Lugo ás tensións entre PSOE e BNG na distribución do diñeiro

By 2 Decembro, 2021Sin comentarios

Ramón Carballo presenta baixo o paraugas de #CosPésEnLugo 76 propostas “para que a alcaldesa estude se son factibles para a súa incorporación ás contas para o 2022” e que buscan a reactivación económica, o benestar social, o compromiso co medio ambiente, o impulso do turismo e o deporte así como evitar o despoboamento no rural

O voceiro do Partido Popular Ramón Carballo asegura que “as tensións entre PSOE e BNG están retrasando a confección dos orzamentos municipais para o vindeiro 2022”. O popular reflexionaba que “está claro que se en decembro non sabemos nada, nin temos unha mínima previsión das contas municipais do vindeiro exercicio, é polas liortas que hai entre Méndez e Arroxo á hora de distribuír os fondos nese 60-40% no que quedaron no pacto de goberno”.

Para os populares a alcaldesa non ten desculpa para alargar no tempo o borrador de orzamentos “sobre todo tendo en conta o momento no que vivimos no que é, máis que nunca, importantísimo ter as ideas claras do que queremos investir”.

Carballo lembra como a estas alturas “a maioría das administracións xa  teñen aprobado, ou como mínimo trasladadas aos grupos da corporación, as previsións orzamentarias para o próximo ano”. O voceiro popular pregunta á alcaldesa e ao seu vicealcalde “cal é o problema para que empecemos decembro sen novas sobre os orzamentos municipais?; hai algunha razón que descoñezamos para que non nos convocasen a unha mesa de traballo para estudar as nosas achegas?”.

Dende o Grupo Popular sinalan que o lóxico sería presentar propostas de mellora dos orzamentos sobre un borrador oficial, pero “dado que non nos fixeron chegar ningún documento hoxe presentamos, baixo o paraugas de #CosPésEnLugo, 76 propostas que reflicten demandas de diferentes colectivos da cidade”. É un proxecto que nace das necesidades veciñais “intentamos manter os pés na terra fuxindo das ideas fantasiosas ou dos disparates que ultimamente estamos vendo na nosa cidade”.

Dado que o goberno de Lara Méndez mantén unha dinámica de traballo do “ordeno e mando” e á vista de que non nos convoca para dialogar e consensuar cal é o mellor proxecto orzamentario para o Lugo que queremos en 2022, o Grupo Municipal Popular rexistrou hoxe un documento propio con diferentes achegas.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies