Os populares demostran con documentos e declaracións públicas de cargos do BNG que os nacionalistas “sempre estiveron a favor desta infraestrutura, compartiron a súa necesidade e reclamaron o seu remate unha e outra vez”
Os populares explican que “a proba de que o BNG non se opoñía á construción desta terceira ronda de Lugo témola nas alegacións que o BNG presentou ao proxecto no ano 2004 nas que “en ningún momento se opuxeron ao trazado que cumpre coa reserva viaria marcada no Plan Xeral”.
Todas as alegacións que presentou o grupo municipal do BNG naquel momento ao proxecto de trazado e impacto ambiental da rolda leste e se orientaban a pedir melloras nos accesos, en especial de naves industriais, terras de labor ou parcelas que podían quedar divididas pola nova infraestrutura, e propoñer a expropiación total destas últimas de ser necesario. Cómpre destacar que se estimaron en parte as alegacións e ampliouse a rede de camiños de servizo paralelos á traza da Ronda.
CAMBIO DE CRITERIO
Para o Grupo Popular o cambio de criterio e os ataques do BNG ao trazado desta infraestrutura, tan demandada pola veciñanza, son só ruído para desacreditar, a 100 días das eleccións, a un proxecto que leva anos sobre a mesa e ao que nunca se opuxeron.
Os populares pregúntanse “porque se tan lesivo como din é o trazado da Rolda Leste estiveron calados durante anos sen demandar ningún cambio no trazado” e mesmo lembran como dicían que “se maltrataba a Lugo por non axilizar o seu remate”.
O relato ecoloxista que defenden agora carece de fundamento “é unha cortiña de fume para xustificar e evitar fugas da súa militancia pola política caciquil que están a levar a cabo no concello de Lugo en connivencia co PSOE”.
O Partido Popular conclúe afirmando que a campaña que o BNG montou retrata cales son os verdadeiros intereses do partido “bloquear unha infraestrutura necesaria para mellorar a conectividade da cidade con escusas que non se sosteñen” lamentando “a mentalidade cativa dos nacionalistas e recriminándolles que non coñezan nin as preocupacións nin as necesidades reais da veciñanza”.