O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, ve “unha irresponsabilidade” que o goberno local estea a boicotear dende o 14 de outubro de 2015 un investimento de 500.000 euros por “un capricho político”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, acusa á alcaldesa, Lara Méndez, de levar ano e medio “bloqueando e boicoteando por puro capricho político” un investimento de 500.000 euros da Xunta de Galicia no Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) das Mercedes.
O popular tacha de “irresponsable e covarde” a actitude da socialista, á que lle pide que “lles explique aos lugueses” por que a administración autonómica aínda non dispón da pertinente licenza de obras “cando o procedemento para a intervención se iniciou o 14 de outubro de 2015 e cando o goberno local é o máximo responsable por partida dobre da demora na execución das obras”. Nesta liña, Castiñeira explica que “non só o Concello tardou dez meses, ata decembro, en remitirlle á Xunta a aprobación definitiva do estudo de detalle senón que agora leva dende o último mes de 2016 sen dar ningún paso máis”.
A este respecto, o voceiro popular lembra que o proxecto arrincou o 14 de outubro de 2015, momento no que a Xunta de Galicia, en calidade de promotora da obra, solicitoulle ao Concello informe de aliñacións. Posteriormente, con data 8 de febreiro de 2016 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pediu a aprobación do estudo de detalle para esta intervención, que o goberno local non remitiu aprobada definitivamente ata o 14 de decembro. “E, a día de hoxe, as obras continúan sen licenza municipal, o que provocou que a Xunta de Galicia tivera que incluír nos orzamentos de 2017 unha partida idéntica á que incorporara para os de 2016 pola auténtica inacción e desidia deste goberno socialista”, destaca Castiñeira, ao tempo que subliña que o 20 de outubro se celebrou unha mesa de contratación na que se acordou propoñer ao órgano de contratación a adjudicación deste contrato a Construcciones Orega SL, “pendente a día de hoxe de poder iniciar os traballos pola falta de licenza municipal”.
Licenza vao CIFP As Mercedes.-
Por outra banda, Jaime Castiñeira asegura que “a deslealtade da socialista cos investimentos da Educación non só quedou patente co bloqueo durante meses da licenza de obras do CEIP Rosalía de Castro e coa oposición da alcaldesa á conversión do IES As Mercedes no Centro Integral de Formación Profesional, senón que tamén se aprecia no boicot da autorización que pediu a Xunta de Galicia para o vao do CIFP das Mercedes, solicitada o 4 de agosto de 2015 pero non concedida polo Concello ata o 13 de marzo de 2017.
Por último, o voceiro popular lamenta que “o maquiavelismo político de Lara Méndez, quen agora se presenta como a gran resolvedora de problemas que previamente provocara ela soa como co auditorio, non chegue tamén a este asunto e desbloquee dunha vez por todas melloras necesarias para a cidade, como é esta”.