Antonio Ameijide afirma que “a situación que atravesa o tráfico e a mobilidade da cidade é o mellor expoñente dun municipio á deriva, cun conflito desproporcionado en aparcamentos, con retencións inasumibles e cunha gran inseguridade para peóns”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, acusa á alcaldesa de “sumir ao Concello de Lugo no maior bloqueo da súa historia”, cuns niveis de “caos, parálise e inacción inéditos”, unha circunstancia da que tamén corresponsabilizou a BNG e Lugonovo. En relación a estas formacións, Ameijide considera que “viven instaladas no síndrome de Estocolmo” ao ter “sacrificado a López Orozco, que si coñecía a cidade, para poñer no seu lugar a unha persoa que nin sequera se puido votar a si mesma ao non estar censada aquí, que non quería ser alcaldesa e que non lle dedica as horas que require o cargo e que merecen os veciños”.
A xuízo do popular, “a situación que atravesan o tráfico e a mobilidade na cidade é o mellor expoñente dun municipio que está totalmente á deriva”, dado que “o conflito que se ten xerado en torno ao estacionamento acadou unha dimensión desproporcionada para unha urbe das características de Lugo”. “A ninguén se lle escapa que o aparcamento debería ser moito máis fluído, pero o capricho da alcaldesa de suspender a ORA sen dar unha soa alternativa complicou unha manobra que debera ser moi sinxela”, subliña Ameijide, ao tempo que incide en que “non hai día que non recibamos queixas de veciños e de comerciantes polas repercusións que se derivan do que foi un golpe de efecto que tivo tanto de mediático como de inconsciente”.
Así mesmo, Antonio Ameijide asegura que “o problema do aparcamento non é máis que a punta do iceberg”, xa que “o feito de que non se garanta a rotación de vehículos provoca que en entornos como as saídas dos colexios proliferen os comportamentos incívicos que constitúen unha ameaza á seguridade física dos nenos e nenas”, así como “retencións e maiores riscos para a circulación rodada. “Non é só a incomodidade e lentitude coa que nos movemos, senón o inseguros que o facemos, moito máis do que debería ser nunha cidade cun parque móbil como o de Lugo”, insiste.
O vicevoceiro popular salienta tamén que “nestes dous anos, absolutamente perdidos para o municipio, nin se impulsou a mobilidade alternativa en bicicletas ou motocicletas nin se mellorou a seguridade viaria, como avala o incremento de atropelos nas estatísticas”.
Liquidación da ORA.-
Para Ameijide, resulta “sangrante” a “permisividade” do goberno ao consentir que a anterior adxudicataria da ORA siga “ano e medio despois” sen abonar a liquidación do mes de xullo de 2015 e, polo tanto, que o Concello de Lugo continúe sen zanxar este contrato. “A filial de Vendex comprometerase nunha reunión do 29 de xaneiro de 2016 a efectuar este trámite pero o goberno socialista segue sen amosar un verdadeiro interese e unha mínima preocupación por romper relacións con ela”, destaca Ameijide, quen lamenta que dende o 4 de xaneiro do ano pasado non se volveu reunir a Comisión de Municipalización deste servizo para dar cumprimento ao acordo plenario promovido polo PP e aprobado polo resto de grupos da oposición. “Existe un fondo consenso no erro que cometeu a alcaldesa ao desmantelar un servizo que non nos gustaba como funcionaba nin todo o que encerraba e que revelou a Operación Pokemon, pero que si é necesario para garantir a rotación”, conclúe.