LimpezaMedio Ambiente

O PP acusa ao bigoberno de antepoñer os intereses dunha multinacional aos de 116 familias lucenses e da cidadanía

By 15 Xaneiro, 2020Sin comentarios

O concelleiro do Grupo Municipal do PP Antonio Ameijide explica que os 116 traballadores da empresa de recollida do lixo ven como non se lles aplica unha suba salarial media de 2.475,77€/ano xa que o bigoberno local segue bloqueando a nova adxudicación do contrato da recollida do lixo, condición indispensable para que se faga efectiva a subida dos seus salarios

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, critica a actitude do bigoberno local, xa que despois de prometer novos tempos no Concello de Lugo neste mandato, semella que todo segue igual, xa que máis de medio ano despois de tomar posesión dos seus cargos aínda non fixeron nada por devolver á legalidade o contrato da recollida do lixo.

Antonio Ameijide pregunta aos concelleiros do PSOE e do BNG polos motivos de seguir sen sacar a licitación este contrato, o contrato que maior gasto xera para as arcas municipais e que vai camiño de levar 3 anos na ilegalidade, xa que caducou o 31 de marzo de 2017, data dende a que Lara Méndez está a pagar a prestación deste servizo con constantes reparos de legalidade por parte da intervención municipal.

En todo o ano 2019, este contrato supuxo un custe de 7.954.717,81€ para as arcas municipais, unha cantidade sempre pagada mediante reparos de legalidade, o que supón un gasto medio de 662.893,15€/mes. “Que intereses ocultos teñen no bigoberno para manter a unha multinacional á fronte da recollida do lixo, cobrando esta cantidade de diñeiro público, sen ningún tipo de contrato en vigor”, afirmou.

O concelleiro popular denuncia que esta situación está a prexudicar gravemente aos lucenses, xa que ao non estar en vigor o contrato a empresa que presta o servizo deixou de renovar o parque móbil e a maquinaria coa que presta o servizo, polo que “ao non haber un contrato en vigor o servizo empeora porque a empresa deixa de adquirir novos vehículos e máquinas xa que non está obrigada por contrato”. A isto se engade a “nula renovación” dos colectores do lixo, xa que unicamente se renovaron os poucos que quixo Lara Méndez, para poder sacarse unha foto. “Puxeron uns poucos colectores novos onde quixo a alcaldesa, no barrio no que vive o concelleiro de medio ambiente, nada máis que dicir”, explicou, mentres noutras zonas da cidade seguen a empregar os colectores que se trouxeron de Santiago de Compostela, “onde xa estaban inservibles”.

Pero hai outro sector moi prexudicado por non renovar o contrato da recollida do lixo: os propios traballadores. Antonio Ameijide fai esta afirmación xa que os empregados desta empresa están a perder entre 2.200 e 3.000€ por ano. Estas cantidades corresponden á suba salarial que se pactou no último convenio colectivo asinado polos traballadores e a empresa, pero que non entrou en vigor, xa que estas cantidades que deberían percibir os traballadores están unidas á entrada en vigor do novo contrato da recollida do lixo.

Neste senso, o popular cualifica de “cando menos estraña” a posición tomada polos concelleiros socialistas e nacionalistas, que “sempre presumen de defender os dereitos dos traballadores pero que, á vista dos feitos, realmente están a posicionarse do lado dunha multinacional”.

Coa postura tomada polo bigoberno, de seguir sen sacar a licitación o contrato da recollida do lixo, as 116 familias que dependen desta empresa ven como se paraliza unha suba salarial media de 2.455,77€ (o rango oscila entre os 2.200 e 3.000€ por ano). Isto supón “unha importante perda adquisitiva” para estas familias e un aforro anual para a empresa de 300.000€.

Pero para que estas cantidades se vexan reflectidas dun xeito máis sinxelo, Antonio Ameijide pon un exemplo moi gráfico: co convenio actual, un traballador cobrar 44.96€ por traballar un día festivo, co novo convenio pasaría a cobrar 80€. “As contas son claras e o bigoberno está a defender a toda costa a unha empresa estranxeira antes que a 116 familias lucenses”, sentenciou.

Por iso, dende o Grupo Municipal Popular se presentarán preguntas en comisión para tentar descubrir o interese do bigoberno en defender a unha empresa multinacional antes que a máis de 100 familias lucenses, ademais de pedir acceso ao expediente completo deste contrato “para ver que fixeron e o que non fixeron” en todos estes anos dende o goberno local.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies