O Partido Popular acusa ao bipartito de “regalar a explotación, en exclusiva, da publicidade dos programas do San Froilán. Un ano máis están renunciando a obter un diñeiro extra” e entregan a xestión dos anuncios a unha empresa que vai quedar cos beneficios destas operacións mentres que o concello só recibirá un importe mínimo de 2.500 euros, que poderá ser obxecto de incremento á alza na oferta.
A xuizo da edil do PP Beatriz Vázquez “o primeiro indicativo da falta de previsión é que a día 24 de agosto estén distribuíndo tarifas e chamando a empresas e negocios de Lugo en nome do concello para invitalos a que contraten espazos no programa de festas”. “Outro indicativo da súa improvisación témolo nos prazos que dan para distribución dos programas que o fixan entre os días 28 ao 30 de setembro, é dicir catro días antes dos festexos” resume Vázquez.
Os populares tamén consideran “sospeitoso” que sexa a mesma empresa leonesa, que leva a dedo dúas décadas disfrutando da explotación publicitaria do San Froilán, a que curiosamente gañe o concurso que cultura sacou a licitación en pleno verán. A apertura de sobres ten data do 18 de agosto. Os populares tamén censuran que se blinde este contrato para o ano 2023 a esta mesma empresa de Ponferrada.
O Grupo Popular apunta que todo parece indicar que estamos diante doutro dos contratos teledirixidos deste bigobierno e censura que “non funcione o rexistro de empresas que defende o Grupo Popular para garantir a participación das firmas locais en contratos de obras, servizos e suministros que se xestionan mediante invitación a varias empresas”.
Por último Vázquez tamén reclama un control das unidades que se van a distribuir nas provincias galegas, Asturias e León e piden que se “certifique a entrega dos 59.000 exemplares impresos así como os lugares de entrega”.