O vicevoceiro popular Antonio Ameijide ve “incomprensible que se pasen ao cobro liquidacións para regularizar a conexión á rede de augas con diferenzas no importe facturado de ata 61 veces entre un recibo e o seguinte”
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acusa ao goberno local de realizar unha “cacería” aos veciños do municipio aos que lles pretende regularizar “de súpeto” o subministro de auga con importes nalgún caso de preto de 8.000 euros.
Nese senso, o popular explica que “se dan situacións surrealistas como que a un veciño da Louzaneta lle facturan o subministro atrasado por un importe que multiplica por 61 a contía do recibo seguinte”. “A ninguén, agás ao goberno, se lle escapa que se trata dunha anomalía que debera ser subsanada”, matiza Ameijide, para quen “é absolutamente inxustificable que, de modo liñal, se estea a aplicar a franxa máis elevada de todas as posibles, cargándolles aos usuarios sempre a correspondente aos excesos de 100 metros cúbicos cun importe (1,155 €/m3) que é dez veces superior ao que razonablemente cabería agardar para o caso de usos domésticos reais (ben a de 0 a 10 m3, de 0,1155 €/ m3, ou ben a que rexistra excesos de 10 a 30 m3, por 0,189 €/m3).
Paralelamente, o popular reprocha aos socialistas que “incumpran a súa propia ordenanza fiscal”, a 109 que regula as taxas polo servizo municipal de subministración de auga potable a domicilio, ao non aplicar unha tarifa que teña en conta os importes medios. “En lugar diso, optan por perseguir aos veciños cunhas contías moi por riba dos seus consumos reais e omitindo obrigas para o Concello como o cobro dos importes mínimos establecidos na cota de abonamento para estes casos ou a lectura periódica dos contadores”, valora. “Todo isto co agravante de que este problema vén derivado da reiterada negativa do Concello de non recibir esta urbanización, cuestión que lles permitiría aos residentes regularizar a súa situación e poder rematar cunha conxuntura da que os socialistas son os máximos responsables en casos como o da Louzaneta, como demostra a recente contratación por parte do Concello das obras de subsanación de deficiencias relativas a rasantes e anchos de beirarrúas”, afirma. Así mesmo, o vicevoceiro popular insta aos socialistas a arbitrar algunha alternativa que lles permita a estes veciños darse de alta no consumo de auga para que “deixen de ter que abonar un recargo que non é, nin moito menos, culpa súa”.
Afectados doutras zonas.-
Así mesmo, Ameijide asegura que “tamén é moi preocupante que non se trata dun feito illado”, senón que veciños da Croa levan “dende a chegada ao goberno dos socialistas a finais do século pasado pendentes de que o Concello lles facilite as súas escrituras para poderen regularizar a súa situación”. Por último, o vicevoceiro popular detalla que só no que vai de 2017 uns 69 veciños, entre particulares e empresarios, se viron afectados por expedientes deste tipo “en puntos moi diversos da cidade”, como no entorno de San Roque, na Campiña, no Polígono do Ceao, Castelo ou As Gándaras, entre outros. “E con importes que en varios casos rozan os 8.000 euros ata sumar un total de 80.067,28 euros nos primeiros cinco meses de 2017”, conclúe.