O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, afirma que o Concello de Lugo lle aplicou a unha atracción a taxa correspondente a un espectáculo circense, polo que en vez de abonar 32.200 euros só pagou 6.000 euros
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, acusou esta maña en rolda de prensa ao goberno municipal de regalar 30.000 euros á empresa da pista de xeo.
Tal como explicou Ameijide, o goberno municipal decidiu aplicar neste caso a taxa correspondente ao epígrafe “actuacións circenses e outras semellantes”, estipulada en 85,85 euros por día, de xeito que se impuxeron uns costes de 6.009,50 euros de acordo co estipulado na ordenanza fiscal 152 relativa a aproveitamentos especiais de vía pública.
Pola contra, de ter empregado como referencia o epígrafe “que a todas luces parece moito máis acaído e lóxico, como é o de postos, barracas, espectáculos ou atracións”, a cantidade a abonar pola empresa sería de 32.216,80 euros, resultado de multiplicar o importe base (0,88 euros) por metro cadrado ou facción de terreo ocupada (neste caso, 523 metros unha vez sumada a pista de xeo e a carpa auxiliar) e polos días de instalación (70 días).
Ante esta situación, Antonio Ameijide advertiu de que “alguén do goberno municipal terá que explicar este novo desfase económico neste proceso”, aínda que “moito nos tememos que o comportamento da edil de Cultura e da alcaldesa seguirá sendo igual de hermético que foi todo o procedemento de contratación”.
Incumprimento no prazo de pagamento.-
Por outra banda, o vicevoceiro popular tamén denunciou que os socialistas non reclamaran á empresa o pago das taxas por instalación da actividade “ata moito despois do que deberían telo feito”. Nesa liña, explicou que o artigo 5 desta mesma ordenanza recolle que a obriga de pagamento nace “no momento de solicitar a licenza ou no momento de comezar os aproveitamentos, no caso de non contar con licenza”. Deste xeito, explicou que a firma privada debería ter abonado o importe pola ocupación a finais de novembro, momento no que comezou a súa instalación, “en lugar de facelo a finais de febreiro, tres meses despois de iniciar a actividade e varias semanas despois de ter rematado esta”. “Pero o certo é que a edil de Economía non decretou a obriga de pagamento ata hai xusto unha semana, o día 25 de febreiro”, aseverou Ameijide, para quen “de novo, os documentos volven deixar ao descuberto a falta de xestión, de preocupación e de interese dos socialistas”.
Á vista desta situación, o popular reflexionou “que pasaría se a empresa xa estivera disolta no caso de que só se tivese creado para prestar este servizo”, ao tempo que anunciou a presentación dunha batería de preguntas ao goberno municipal encamiñadas a coñecer “a que obedece tanta arbitrariedade á hora de aplicar esta tarifa e de non reclamar o pagamento ata moito máis tarde do estipulado na ordenanza”.
“O que está claro é que esta empresa non tivo o mesmo trato que o resto de firmas privadas ou de veciños de Lugo, polo que a alcaldesa terá que aclarar todas as anomalías que se foron facendo públicas”, concluíu o vicevoceiro popular.