Ana López Pombo lamenta que “os socialistas, que presumen de que unha das súas señas de identidade é a participación cidadá, fagan oidos xordos a reclamacións que se reiteran na Comisión de Suxestións”
A concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ana López Pombo, criticou “a inacción dos socialistas á hora de resolver os problemas dos lucenses” e puxo como exemplo desta actitude o deficiente funcionamento da Comisión de Suxestións “un termómetro perfecto que reflicte a indiferencia coa que o goberno local trata as preocupacións dos veciños”.
A popular matizou que “a maiores do desprezo por resolver algunhas cuestións se suma, agora, o risco de que por facer oídos xordos algunhas das queixas pendentes podamos enfrontarnos a reclamacións por responsabilidade patrimonial”.
Ana López Pombo refírese a casos como o das 6 reclamacións que presentou unha veciña de Rafael de Vega por mor dos ruídos que sufre na súa residencia como consecuencia dunha actividade empresarial que hai no baixo do seu edificio. A edil do PP explica que a problemática, que vive esta lucense, se remonta ao mes de abril indicando que o goberno local, de momento, tan só contestou a 1 das queixas formuladas. Para López Pombo a resposta que se lle dá a afectada “non aporta ningún tipo de instruccións para resolver este asunto”. López Pombo engadiu que neste caso de contaminación acústica “os socialistas deberían sonroxarse xa que e malia que hai medicións que demostran que se superaron os límites sonoros non se iniciou ningún procedemento sancionador”. A popular conmina ao goberno local “a que tomen cartas neste asunto e deixen de mirar cara a outro lado xa que o Concello ostenta a lexitimación pasiva en canto ao titular da competencia de intervención sancionadora en materia de contaminación acústica” . A concelleira popular insiste en que “a inactividade ou pasividade dos socialistas pode sairnos moi cara se veciñas, como a de Rafael de Vega, deciden reclamar danos e perxuizos”.
López Pombo reflexionou sobre “as formas coas que os socialistas despachan os problemas do día a día dos lucenses” recriminándolle “a alcaldesa a súa desidia á hora de organizar á policia local xa que a súa falta de dirección política provoque que se culpe aos axentes de cuestións que están fóra do seu alcance”.
A concelleira popular avanzou que “na reunión de mañá da Comisión de Suxestións insistirá para que as respostas que emita este organismo non se queden en contestacións tipo, o goberno local debe esforzarse para que os informes estén en prazo e proporcionen solucións efectivas”, puntualizou a edila.