O voceiro popular salienta que a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello non conta cos informes preceptivos do departamento de Persoal nin do de Intervención, “quen poderían advertir de que faltan fundamentos xurídicos suficientes”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, advirte de que a Relación de Postos de Traballo (RPT) aprobada pola Mesa Negociadora “ten moitos visos de ser declarada ilegal” á espera de contar cos informes preceptivos dos departamentos de Intervención e de Persoal.
Nesa liña, o popular destaca que “sendo certo que, en relación a concellos similares, os empregados municipais son dos que perciben uns soldos máis baixos, non é menos verdadeiro que a Lei de Orzamentos prohíbe as subas xeneralizadas máis aló do 1%, xa que indica que esta medida debe ter carácter singular e excepcional, reservándose para situacións que resulten imprescindibles”. “Evidentemente, hai que agardar á valoración que fagan estes dous departamentos desta cuestión pero moito me temo que non a poderán respaldar”, afirma.
Á marxe disto, o voceiro popular subliña que “tal e como foi presentado este documento, impedirá a execución e o cumprimento de numerosos acordos que aprobou o pleno para a municipalización de diversos servizos, como o do control da rotación do estacionamento ou o do guindastre que promoveu en diversas ocasións o Grupo Municipal do Partido Popular”. A este respecto, Castiñeira incide en que “estes son os froitos dunha RPT que se elaborou ao revés, sen partir de ter claras cales son as necesidades da administración e sen saber cal é o modelo que se pretende levar a cabo”. “Parece que a única preocupación do goberno foi intentar contentar a quen estaban sentados na mesa de negociación e aos seus amigos en lugar dunha optimización dos recursos humanos cos que conta o Concello”, asevera.
Por último, Jaime Castiñeira tamén critica que o goberno local excluíra “deliberadamente” aos representantes de preto do 40% dos traballadores, xa que tres das sete candidaturas de empregados que obtvieron representación nas últimas eleccións no Concello foron marxinados de todo este proceso, incluíndo a Ágora, a que obtivo un maior respaldo.