Os concelleiros do Grupo Municipal do PP recordan, cando se cumpre un ano e catro meses desde que o recibiu o Concello, que polo que se informa a rotura dos vidros que se produciu hai uns días non se debeu a un acto vandálico, senón que se debeu á presión estrutural do propio edificio probablemente potenciada pola falta de mantemento destes anos
O Grupo Municipal do Partido Popular segue a demandar a posta en funcionamento do novo auditorio de Magoi, cando se cumpre 1 ano e 4 meses da recepción polo Concello, unha infraestrutura que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo queren manter pechada para evitar que os lucenses vexan o gran investimento realizado pola Xunta de Galicia.
Os populares explican que o seu grupo preguntou de novo en comisión polos posibles traballos de reacondicionamento y renovación que o goberno local debería realizar no auditorio, tendo como resposta unha sorpresa maiúscula: dende que o Concello recibiu o auditorio de Magoi non se realizou ningunha intervención no edificio.
Para os populares, as escusas que o bigoberno da sobre que teñen que investir máis de 300.000€ “son irreais” xa que ningún técnico informaría favorablemente recibir un edificio dese valor se ten as deficiencias que alude a alcaldesa. “A realidade é que todas as eivas que se están a producir débense ao abandono de telo anos pechado polo bigoberno”, sinalan.
Ao fío desta situación, os populares sinalan que durante a comisión de contas celebrada onte, Paula Alvarellos asegurou que o Concello recibiu o auditorio con deficiencias o que no caso de ser certo, “deixa en moi mal lugar ao equipo de goberno”.
Os populares tamén aluden á rotura do vidro que tivo lugar hai uns días, que non foi un acto vandálico, senón que se debeu á presión da estructura, o que confirma que a estratexia do goberno local de deixar esmorecer esta gran infraestrutura é totalmente errónea.