Para os populares as recentes declaracións de Arroxo en contra do carril bici desenmascaran a verdadeira forma de actuar do BNG criticando “a falta de xogo limpo e o postureo da formación nacionalista que intenta distanciarse dunha obra que fixo o goberno, do que el forma parte”
A proximidade das eleccións municipais semella que comeza a poñer nervioso a Rubén Arroxo e aos membros do BNG xa que agora renegan do carril bici, unha infraestrutura que sempre apoiaron, como o fixeron co seu voto a favor en xullo de 2015 en xunta de goberno local para aprobar a contratación da obra.
Os populares denuncian que “Rubén Arroxo agora quere afastarse da xestión do goberno local de Lugo, do que el e o resto de concelleiros do BNG forman parte” e que “foron necesarios para que o carril bici sexa hoxe unha triste realidade da que renegan”.
No Grupo Popular poñen como exemplo a proposta que defenderon en pleno en xuño de 2021 na que se pedía:
- Que se paralicen as obras do carril bici en tanto no se estudien os problemas que está a causar coa eliminación de aparcamentos en zonas do entorno de Marqués de Ombreiro, Barrio de A Residencia… e se garanta o mantemento do aparcamento ou a proxección de alternativas, así como os problemas de seguridade para os usuarios que pode representar nalgunha zona
Ante esta proposta, Rubén Arroxo seguiu o sentido de voto de Lara Méndez e votou en contra de paralizar as obras. “Queda claro que o PP foi un único grupo que se opuxo ao carril bici e Rubén Arroxo sempre o apoiou, pero agora renega del xa que se decatou de que hai un clamor na cidade contra esta infraestrutura que o seu voto a favor permitiu que se executase”, denunciaron.
Os populares recordan ademais que o PP foi o único grupo que realizou numerosas xuntanzas en diversos barrios e zonas da cidade, como na Residencia, Marqués de Ombreiro, Ronda do Carme…, nas que centos de veciños sempre amosaron o seu rexeitamento a esta infraestrutura e “os concelleiros populares fomos os únicos que escoitamos aos veciños e defendemos no pleno e nas comisións as súas xustas reivindicacións”.