Antonio Ameijide lamenta “o perfecto caldo de cultivo” que Lara Méndez e Rubén Arroxo cociñaron para colapsar as arcas municipais, xa que á sentenza xudicial que impide que o Concello de Lugo cobre por ocupación da vía pública hai que engadir “o comportamento de novos ricos” da alcaldesa e o vicealcalde, que se dedican “a gastar moito máis do que ingresan”
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular están “moi preocupados” ante a deriva que está a tomar a economía municipal, despois de coñecer que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de ratificar a sentenza que anula o artigo 4 da ordenanza 152, de aproveitamentos especiais da vía pública.
Afirma Antonio Ameijide que “o camiño emprendido por Lara Méndez e Rubén Arroxo non podería ser peor” xa que esta ratificación o que supón na práctica “é que o Concello de Lugo non pode cobrar ningún tipo de taxa por ocupación da vía pública municipal”.
A sentenza do TSXG ratifica a anulación do artigo que establecía canto debería pagarse pola ocupación da vía pública. Unha situación que deixa “nunha situación perigosa ao Concello de Lugo” que non pode aplicar a ordenanza anterior xa que “cando Lara Méndez e Rubén Arroxo aprobaron a ordenanza que agora tumba a xustiza (é inaplicable ao anularse o artigo4), a anterior perdeu a súa vixencia. Quedou derogada, polo que non pode aplicarse”.
Agora, dende o Grupo Municipal Popular preguntan, tanto a Méndez como a Arroxo, se van a cobrar polos postos do Arde Lucus ou polas barracas e as casetas do polbo do San Froilán.
A realidade é que “a deriva” da alcaldesa e o seu vicealcalde “que se comportan como novos ricos: gastando o que non teñen e cada vez ingresando menos” deixa ao Concello de Lugo na “corda frouxa”. “Xa non falamos de que tanto Lara Méndez como Rubén Arroxo gasten máis do que ingresan, é que agora xa non van a poder ingresar unha importante cantidade de diñeiro por unha sentenza xudicial”, sinalou.
Relación do que o Concello de Lugo prevía ingresar en 2022
Ocupación subsolo, solo e voo: 1.117.187,65€
Terrazas, mesas e cadeiras: 35.000€
Outras taxas por utilización privativa do dominio: 742.048€
Total: 1.894.235,65€
Ante o difícil futuro que se lle plantexa agora ás arcas municipais, Antonio Ameijide pregunta á alcaldesa como vai a facer fronte, por exemplo, á factura eléctrica municipal, que se vai a duplicar, pasando de 5,5M€ a 11M€.
Dende as filas populares recordan que a propia documentación oficial do Concello de Lugo sobre a liquidación do ano 2021 xa recoñecía que as contas municipais era deficitarias, cun déficit duns 3M€, pero que en realidade é maior, en torno aos 16M€.
Unha situación que aínda pode empeorar xa que a ordenanza 153, das entradas de vehículos, tamén corre o risco de ser anulada xa que tamén se atopa xudicializada e, no caso de ser anulada, as arcas municipais tamén se verán afectadas, xa que o goberno local agardaba ingresar en 2021 750.000€ por este concepto, aumentado aos 850.000€ a previsión para 2022.