Para os populares Lara Méndez está a tentar utilizar as ilusións dos nenos e nenas lucenses nestas datas no seu beneficio persoal de cara a campaña electoral
Os concelleiros do Grupo Municipal Popular non dan crédito “á última ocorrencia” de Lara Méndez, “que está a xerar moito enfado” entre a cidadanía: estender a súa campaña electoral aos nenos e nenas de Lugo facéndose pasar por Raíña Maga, xogando coa ilusión dos máis pequenos no Nadal.
Para os populares a campaña de Lara Méndez “é inaudita” e unicamente serve “para xogar coa ilusión” dos máis pequenos nestas datas e así utilizalos.
Ante esta situación, os populares explican que pedirán información sobre o custo da campaña e a intención da mesma. “Non sabemos se foi a propia Lara Méndez a ideóloga desta campaña, pero ela debe ser o suficientemente responsable como para saber que esta campaña está fóra de lugar”, apuntan.
“Non todo vale. Hai que poñer límites e, sobre todo, respectar aos nenos e nenas de Lugo”, conclúen.