Cultura

O PP afirma que “ao ritmo da alcaldesa” Lugo non recuperará a fonte de San Vicente ata despois do verán

By 27 Xaneiro, 2017Sin comentarios

 O voceiro do Grupo Popular Jaime Castiñeira afirma que “é un pronóstico do máis optimista” tendo en conta que, antes de proceder á restauración da fonte da Praza do Campo, o goberno local debe redactar un estudo técnico que debe informar a Consellería de Cultura

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, criticou “a pasividade do goberno socialista e ausencia de pasos dados para restaurar, nun tempo razoable, a fonte de San Vicente da Praza do Campo”.

Castiñeira asegurou que “o absoluto desinterese” do PSOE por rehabilitar este conxunto histórico vai retrasar a reparación desta peza destrozada polos vándalos hai case mes e medio. O popular pronostica que “o santo non vai recuperar a cabeza ata, como pronto, despois do verán”. Esta afirmación do voceiro popular ten como base o procedemento que se precisa para restaurar este elemento arquitectónico criticando que “o goberno local debe redactar o estudo técnico que logo debe informar á Consellería de Cultura”.

Castiñeira explicaba que “neste momento non hai ningún documento preparado” salientando que “a parsimonia do PSOE, que xa é criticable o é ainda máis se temos en conta que para que empecen os traballos de reparación da fonte o proxecto técnico debe contemplar un plan de restauración do conxunto histórico do que forma parte” engadindo que “a intervención que programe o Concello deberá contar co visto bo da Consellería de Cultura”. O voceiro popular manifestou que toda esta tramitación conleva unha serie de prazos indicando que “é lamentable que a parte que lle toca realizar ao Concello, por despreocupación, non se está a facer”.

Lembrar que os populares presentaron  unha batería de preguntas para clarificar se o San Vicente é recuperable na súa totalidade, os custes da restauración así como o prazo estimativo para a súa recuperación.  Para os populares urxe axilizar a reparación deste elemento arquitectónico que  “constitúe un dos principais reclamos turísticos da cidade”. Castiñeira indicou que Lugo presume deste conxunto artístico-histórico nas diferentes publicacións e guías que se editan dende diferentes institucións matizando que “a súa recuperación é moi necesaria polo incalculable valor que ten, non só arquitectónico senón tamén sentimental, xa que está situado nunha das prazas máis emblemáticas do casco histórico”. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies