Antonio Ameijide solicita a convocatoria urxente dunha Comisión de Tráfico na que estén presentes todos os grupos políticos “para activar un plan especial para o comezo do curso escolar que garanta a seguridade vial e a fluidez da circulación”
O GMPP solicita que, coincidindo co inicio do curso escolar, se active un plan especial de mobilidade segura para os colexios. O concelleiro popular Antonio Ameijide acusou ao goberno local de “falta de interese por solucionar os problemas de aparcamento que hai na cidade como consecuencia da supresión, hai máis dun ano, do sistema ORA e que en catro días se verán agravados co comezo das clases”.
Ameijide advirte que a ausencia dun plan ou de medidas específicas para afrontar días complicados como o vindeiro luns poñen en evidencia a “a nula planificación e a improvisación que caracteriza ao goberno socialista de Lugo”. Co obxecto de poñer riba da mesa solucións para contribuir a mellorar a mobilidade en Lugo Ameijide reclama a convocatoria urxente dunha Comisión de Tráfico na que estén presentes todos os grupos da corporación “para buscar solucións ao grave problema de estacionamento, así como para implantar un sistema de rotación de aparcamento gratuíto”.
O vicevoceiro salientou que “no caso dos colexios se podería estudar a posibilidade de habilitar espazos próximos aos centros para deixar ou recoller aos estudantes nos horarios de entradas e saídas”. “Trátase de reservar zonas para que paren os vehículos durante os dez ou quince minutos das entradas e saídas dos centros escolares”. O popular explicou que esta proposta se debería consensuar coas direccións dos centros e ANPAS lembrando que “a fluidez da circulación na cidade vese moi afectada polo caos que se produce nas horas de entrada e saída dos colexios”.
Ameijide insistiu en que un plan especial de tráfico para o comezo do curso escolar é necesario non só para garantir a seguridade vial senon tamén para mellorar facilitar a circulación e advertía que “nesta mesa de traballo se deberían anticipar as medidas para ordenar o tráfico de cara a celebración do San Froilán. “Xa estamos cansos de que se faga todo a última hora, tarde mal e a rastro”.
O vicevoceiro do PP afirma que dende que a chegada do novo equipo de goberno “lonxe de aportar solucións para mellorar a mobilidade en Lugo complicouna” puntualizando que “levamos dous veráns dende que se suspendeu a ORA, sobrepasando amplamente o prazo de oito meses que se deron os socialistas para buscar unha alternativa sen que vexamos cambios no modelo de circulación da cidade”.
Ameijide criticou que a alcaldesa “non dera nin un só paso dende que en Xaneiro de 2016 se celebrou a última Comisión para a municipalización da ORA” lembrando que o Grupo Popular “solicitou para o vindeiro pleno a comparecencia do voceiro do goberno socialista, Miguel Fernández”.