Antonio Ameijide lamenta que se triplicase o prazo de execución das obras, que inicialmente tiña que ser de 6 meses e se prolongou aos 18, e agarda que non teñamos que lamentar ningún incidente, poñendo como exemplo de perigosidade a zona de Casas Baratas ou da Rúa Xulia Minguillón onde os ciclistas van en contrasentido dos vehículos, en zonas moi estreitas
Por fin Lara Méndez inaugurou o carril bici de Lugo pero non se atreveu a sacarse unha foto nel , o seu proxecto estrela neste mandato, e que se converte nunha realidade tras triplicar o prazo de execución das obras, previstas para un prazo de seis meses e que na realidade ascendeu a 18 meses (os traballos comezaron en febreiro de 2021 e remataron agora).
Explica Antonio Ameijide que Lara Méndez optou por realizar unha inauguración moi sinxela, na Praza Anxo Fernández Gómez, a varios quilóemtros do carril bici, en toques de percorrer un treito do propio carril bici. “Pode que Lara Méndez optase por unha posta de longo desta infraestrutura discreta, en lugar de percorrela, seguramente porque sabe dos perigos que presenta e que se equivocou con este plantexamento de carril bici”, sinala. “Quere evitar a toda costa unha foto no carril bici porque é consciente de que foi unha das súas peores decisións”, apuntou.
Para Antonio Ameijide esta apertura “é positiva” xa que polo menos o seu uso estará aberto. “Agardamos que, despois de eliminar centos de prazas de aparcamento nun so barrio da cidade, o carril bici teña moito uso xa que, do contrario, será un fracaso absoluto de Lara Méndez”, apuntou.
O vicevoceiro popular tamén fai referencia ao anuncio de Lara Méndez dunha campaña de uso do carril bici e os códigos de colores do mesmo. Para o popular non se entende que primeiro abra esta infraestrutura, sen explicar o seu sistema de funcionamento e logo, con el en marcha, facer unha campaña informativa. “O máis lóxico sería realizar a campaña informativa cuns meses de antelación e logo poñer en marcha o carril bici”, sinalou.
Por último, Antonio Ameijide recorda que esta infraestrutura xerou numerosas queixas entre os lucenses, unha obra que custou máis dun millón de euros e que eliminou medio cento de prazas de aparcamento na Residencia e noutras rúas de barrios próximos.