O vicevoceiro popular asegura que “a actitude da alcaldesa e o vicealcalde, ao negarlles o acceso á información de asuntos municipais, pón de manifesto que, de forma reiterada e premeditada, se está obstruíndo a acción de fiscalización á oposición”
O Grupo do Partido Popular amosa o seu malestar polas dificultades reiteradas coas que se está atopando para acceder á documentación das xuntas de goberno. Antonio Ameijide explica que “dende o pasado mes de agosto non dispoñemos das actas destas xuntanzas e, por tanto, non se nos facilita a información de primeira man sobre os asuntos municipais que se tratan nelas, xa que nestas reunións só están concelleiros de PSOE e BNG”.
O funcionamento habitual era que os grupos da oposición podían consultar ao día segunte das xuntas de goberno os expedientes completos (con informes e propostas). Arestora só temos acceso ao acordo e suprimiron o envío das actas dende hai tres meses. “Esto é unha involución en toda regra no que a transparencia se refire” matiza o popular.
De igual forma, dende o PP tamén se queixan porque, nin os lucenses nin a oposición, temos acceso á documentación dos diferentes contratos menores que ten o concello de Lugo con empresas que prestan diferentes servizos para o concello. “Están incumplindo a lei, ocultando a quen invitan ás ofertas, a quen contratan e por canto” matizou Ameijide.
Por ambos motivos, os populares cualifican ao bigoberno local de “oscurantista por non facilitar o acceso a este tipo de documentación”. Para o vicevoceiro popular “neste Concello precísase unha rexeneración ética do goberno máis caro e máis escuro da historia de Lugo, ao mesmo tempo que se respecten os principios democráticos que tanto invocan algúns membros do actual goberno”.
O edil popular explicou que “non só estamos sendo ninguneados nós, senón que ademais se están vulnerando os nosos dereitos e os dos miles de lucenses que depositaron a súa confianza no PP para defender os seus intereses”.