O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López critica ao responsable municipal da zona rural despois de ver como a promesa que fixo Miguel Fernández de arranxar esta pista en Santa Eufemia, á altura de Calde, non se cumpre a pesar de que os veciños levan máis de un ano pedindo o arranxo da mesma
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, pregunta ao responsable municipal da zona rural se “volveron as cacicadas a súa concellería” despois de comprobar como os veciños de Santa Eufemia seguen sen ter arranxada a pista que da acceso as súas vivendas, algo que levan demandando dende hai un ano.
Manuel López esixe a Miguel Fernández que cumpra os compromisos adquiridos “e se deixe de escusas” e se poña a traballar para que a brigada vaia a arranxar de inmediato esta pista, algo ao que o propio Miguel Fernández se comprometeu no mes de xuño, despois de moitos meses de reclamacións por parte dos veciños e do Grupo Municipal do Partido Popular.
O 30 de setembro de 2020 os veciños de Santa Eufemia presentaron no Rexistro do Concello de Lugo un expediente no que facían constar sinaturas dos veciños solicitando o arranxo da pista, fotos do lamentable estado da vía e pedindo o arranxo da mesma.
Unha solicitude que tivo como resposta unha xuntanza con Miguel Fernández o 19 de outubro de 2020, na que o responsable municipal da zona rural se comprometeu a inspeccionar a vía, pero que, dende entón non tivo máis respostas para os veciños.
Como pasaba o tempo e non sabían nada, o 6 de novembro de 2020 remitiron un email á concellería da zona rural, correo electrónico que a día de hoxe segue sen resposta.
Explica Manuel López que ante o silencio dado polo concelleiro e o goberno local, dende o Grupo Municipal do Partido Popular, despois de manter unha xuntanza cons veciños, presentamos preguntas en comisión para comprobar os avances realizados por Miguel Fernández, que tiveron como resposta o compromiso do concelleiro da zona rural, “un compromiso que caeu en saco roto” xa que nada máis se soubo.
Ante esta situación, os veciños afirman sentirse “enganados” por Miguel Fernández, que prometeu solucións pero que non chegan, polo que xa non poden máis e a súa paciencia se vai esgotando.
A pista en cuestión está en moi mal estado. Da acceso a varias vivendas dende a N-540, en Calde, e os veciños xa non poden agardar máis xa que ademais das numerosas fochancas, o principal problema é a grava solta por toda a pista e a area e a terra que principalmente compoñen agora a pista e que se converte nunha verdadeira lameira en canto chove un pouco, ao que se engade que nin sequera lles desbrozan a pista.
Unha situación ante a que o concelleiro popular reitera a pregunta “cando se van a rematar as cacicadas na zona rural” algo que dende o Grupo Municipal Popular levamos tempo denunciando, con casos concretos como Cardoso en San Mamede dos Anxos, Bocamaos, Piugos e un longo etcétera. “Urxe que este goberno local trate a todos os veciños por igual en lugar de priorizar as actuacións en función do pedáneo que as pida o da afinidade política do veciño que a solicite ao concelleiro de turno”, sentenciou.