Economía

O PP afirma que os cortes de luz dos centros municipais “son a consecuencia dos chanchullos do goberno”

By 4 Decembro, 2015Xaneiro 29th, 2016Sin comentarios

O voceiro popular Jaime Castiñeira salienta que “é bochornoso que teñamos que recorrer á Deputación de Lugo para algo tan sinxelo como que revise as facturas de enerxía eléctrica”, algo que “ratifica a incapacidade política deste goberno local”

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que “os cortes de luz de varios centros municipais son a consecuencia dos chanchullos do goberno local”.

Nesa liña, Castiñeira situou “a raíz do problema” no “desmantelamento progresivo dos servizos electromecánicos que foron realizando os gobernos socialistas e do que tantas veces alertamos dende o Grupo Municipal do PP”, do que “un fito especialmente lamentable” foi a división realizada en tempos de Orozco e Liñares da brigada para asignar medios e equipos diferentes á zona urbana e á zona rural. “Foi unha decisión que se tomou exclusivamente para chanchullear e para realizar esa xestión de cercanías caciquil da que tanto teñen presumido destacados membros do PSOE local”, asegurou o popular. “Do que estamos falando é de que temos o mínimo rendemento posible por ese comportamento tan censurable”, insistiu o popular.

Así mesmo, Castiñeira cargou contra “a dobre incapacidade e a dobre inacción do goberno actual”, que “non só foi incapaz de mudar esa estrutura ilóxica que trazaron os gobernos anteriores senón que tampouco reaccionou cando recibiu os avisos da empresa que curtou a luz”. “Estamos diante dunha alcaldesa que goberna de costas a todos: aos lucenses, aos grupos políticos coma o noso que tantas veces denunciou a situación e mesmo a estas empresas”, aseverou.

Plan de investimentos 2014 e convenio Deputación.-

Por outra banda, o popular lembrou que o Plan de Investimentos asinado e aprobado en xuño de 2014 por PP e PSOE incluía o establecemento dun novo mecanismo para a revisión destas facturas, “posto que xa estabamos vendo todos os problemas que se estaban xerando”, de aí que “o que ocorreu esta semana era algo perfectamente previsible e precidible ao que o goberno municipal non tivo vontade política de darlle solución en ningún momento”. “Son igual de responsables desta desfeita o goberno anterior como o actual”, incidiu Castiñeira.

Ademais, o voceiro popular cualificou de “bochornoso” que “o Concello teña que recorrer á Deputación de Lugo para algo tan sinxelo como que revise as facturas de enerxía eléctrica”. “O que están a facer é recoñecer a súa incapacidade política e o seu descoñecemento da realidade lucense”, opinou.

Lugonovo e BNG, corresponsables.-

Por último, Castiñeira denunciou que “os mesmos que lles impuxeron aos lucenses a esta alcaldesa e os que a salvaron coas ordenanzas fiscais, en referencia a Lugonovo e BNG, son os que agora a critican”, polo que lles pide a estes grupos, “tamén responsables desta situación”, “unha mínima coherencia entre o que fixeron e o que agora din”.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies