O concelleiro do Grupo Municipal do PP Manuel López reclama maior atención e sensibilidade cos veciños das parroquias de Lugo, xa que o estado no que se atopan a maior parte das pistas “é calamitoso” o que provoca danos nos vehículos debido as continuas fochancas e á profundidade que teñen os baches
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Manuel López, denuncia o mal estado de numerosas estradas das parroquias de Lugo ás que denomina “pistas rompe coches”.
Manuel López denuncia esta situación, que se estende á totalidade das 54 parroquias do rural, onde hai un gran número de pistas nas que os vehículos pasan con moita dificultade polas fochancas de gran tamaño que hai no firme e que cada vez se agrandan máis polo paso do tempo e as chuvias torrenciais. López asegura que “os propios veciños da zona padecen a cotio as consecuencias deste abandono e mesmo algúns sufriron danos en vehículos particulares”.
Neste senso, Manuel López pide “traballo e dilixencia” ao bigoberno de Lugo porque “non se pode permitir baixo ningún concepto que cidadáns que pagan os impostos municipais teñan que atravesar un sin fin de baches para chegar ás súas casas”.
Nun chequeo realizado a tan só catro parroquias (Orbazai, Adai, Muxa e Castelo) atopamos exemplos de pistas en moi mal estado. (Adxúntanse Fotos)
Para Manuel López calquera destas vías poñen en evidencia “o pasotismo” ao que os anteriores goberno socialistas e o actual bigoberno teñen sometidas ás parroquias do rural, onde “o mantemento das pistas é un debe dende hai moitos anos, polo que é imprescindible poñerse a traballar”.
Outra situación que destaca negativamente é a que teñen que vivir un grupo de cinco veciños de Ferreiros, unha zona na que o acceso ás vivendas está en terra “nun estado verdadeiramente lamentable” o que provoca grandes problemas aos veciños cando queren entrar e saír das súas casas. Dende o Grupo Municipal Popular xa se realizaron varias solicitudes en comisión para tentar arranxar esta situación “que persiste a día de hoxe”. “A solución é o asfaltado e moito nos tememos que se nalgunha desas casas vivira un pedáneo este arranxo xa se tería realizado xa que os pedáneos son os que realmente dirixen o rural”, sinalou.
Pero ademais, Manuel López recorda que o deixadez do bigoberno se viu reflectida hai poucas semanas cando o Concello de Lugo perdeu unha subvención da Xunta de Galicia para arranxar pistas no rural, motivo polo que os veciños de Santa María de Bóveda (pista de Barbaín a Buratai), San Xoan Campo (Argonde) e Conturiz (O Cuco) sufriron as consecuencias da falta de xestión do goberno local que “non foi quen de tramitar, en tempo e forma, a achega de 95.077€ do Plan de Mellora de Camiños Municipais 2019-2020 que lle asignou a Xunta ao municipio de Lugo”.