Óscar Poy explica que dende Deportes seguiron as recomendacións dos populares, que pasaban polo acolchado das paredes e de calquera obstáculo que puidera poñer en perigo aos xogadores, ademais do repintado da pista
O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, agradece á área de Deportes municipal que escoitase as recomendacións do Grupo Popular para conseguir unha homologación da Federación Galega de Baloncesto para a pista do Palomar.
Explica Óscar Poy que dende o primeiro intre no que se coñeceu a perda da homologación que estaba vixente, como resultado das obras que se realizaron neste pavillón, “demos diversas recomendacións” para manter o visto e prace da Federación Autonómica para poder disputar competicións oficiais nesta pista, “como se fixo toda a vida”.
O concelleiro popular recorda as recomendacións realizadas, como o acolchado das paredes e de calquera obstáculo que non estivera á distancia regulamentaria e que puidera poñer en perigo aos xogadores, ademais de modificar as dimensións da pista.
Sinala Óscar Poy que “o que fixeron foi reducir o tamaño da pista” polo que a Federación Galega de Baloncesto entregará ao Concello a homologación de nivel 3, “o máis baixo que se autoriza e que unicamente permite a disputa de partidos oficiais para minibasket e preminibasket”.