Educación

O PP agradece á Xunta o apoio decidido polo campus lucense ante o nulo interese de Lara Méndez por dotar a Lugo de novas titulacións

By 20 Agosto, 2020Sin comentarios

O voceiro do Grupo Municipal do PP Ramón Carballo destaca que mentres o goberno galego segue traballando para dotar ao campus de Lugo de novas titulacións para atraer máis alumnado, a alcaldesa prefire mirar cara outro lado para buscar novas fórmulas de confrontación coa Xunta de Galicia

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, destacou hoxe o apoio decidido da Xunta de Galicia polo campus de Lugo que se contrapón coa ausencia total de interese de Lara Méndez neste eido, xa que a rexedora non fixo ningún esforzo por tentar dotar á cidade de novas titulacións para atraer máis alumnos á cidade, se non que o único que lle preocupou no seu momento foi bloquear a implantación de novas titulacións e tentar enganar aos futuros estudantes.

Ramón Carballo fai esta reflexión despois de coñecer os bos datos de matriculacións que presentan as titulacións que oferta o campus de Lugo. Das vinte titulacións ás que se pode optar no campus lucense, cinco xa cubriron o cupo de prazas (como Robótica, Empresa e Tecnoloxía e Mestre en Educación Primaria) e o resto amosan moi bos datos de matriculacións, “o que amosa ás claras que a aposta da Xunta por Lugo e o seu campus é moi ben recibida polos estudantes”.

Unha situación que se contrapón “co nulo apoio” de Lara Méndez á universidade en Lugo, xa que desde o Concello de Lugo nada fixo nos últimos anos por potenciar o campus lucense.

Ramón Carballo recorda como na última campaña das municipais, desde a candidatura popular reivindicamos para o campus de Lugo un grao de ciencias culinarias e gastronómicas “coa idea de potenciar o talento dos mozos ligado á gastronomía”.

Explica o voceiro popular que se trataba dunha proposta “pioneira” en Galicia, que ofertaría unha formación específica para un sector que hoxe ten moitas oportunidades de futuro. “Lugo ten unha contorna única, tanto polo peso que ten a restauración, como pola materia prima da que dispoñemos, para erixirse como a mellor candidata para ofertar este grao”, sinalou.

Lugo conta cun campus excepcional e “é unha mágoa” que a cidade conte cunha alcaldesa con pouca altura de miras, que en lugar de traballar e prestar colaboración institucional, o único que fai é mirar cara outro lado buscando o xeito de polemizar coa Xunta de Galicia. “Se a rexedora deixase a un lado a súa loita persoal contra a Xunta de Galicia e se puxera a traballar xunto ao goberno galego para potenciar Lugo teríamos unha cidade moito mellor da que podemos ver na actualidade”, sentenciou.

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies