O concelleiro popular Manuel López lembra que o pasado verán houbo lumes en tres puntos de recollida de silos polo que pide que “se limpen os depósitos do Burgo e San Xoán do Campo que están saturados e onde tamén hai rodas e escombros de todo tipo”
O concelleiro do Grupo Popular Manuel López teme que se poidan declarar novos incendios como o que tivo lugar esta fin de semana no punto de recollida de silos de Coeses. O edil do PP afirma que “excepto o que xa ardeu e o de Malle, que se limpou no pasado mes de maio tralas denuncias do PP, hai risco de que se repitan os lumes nos depósitos do Burgo e en San Xoán do Campo” .
Manuel López, que chequeou nas últimas horas estes puntos de recollida de silos, constatou que os depósitos están saturados e que acumulan residuos de todo tipo (rodas, escombros …). “En San Xoán do Campo como os plásticos e desperdicios taponaban os accesos de fincas colindantes, foron retirados cunha pala cara ao fondo do depósito e agora se amontoan contra as árbores que hai nas inmediacións” explicou López. O edil do PP explicou que “con este panorama o risco de incendio é evidente” censurando que “o goberno local non eliminase este tipo de vertedoiros e puxese en marcha un plan de recollida de silos a demanda dos veciños do rural”. Os populares apostan por un modelo de recollida con periodicidade determinada en puntos fixos de diversas paroquias.
López lembrou como “logo da petición feita polo Grupo Popular en febreiro para que se implantase un novo sistema de recollida de plásticos os socialistas anunciaron que xa estaban traballando nesa liña”. “Á vista está que o goberno local está resultando moi pouco operativo con este asunto” indicou López e que “seguen mirando cara outro lado sen solucionar este problema”.
Para o popular o incendio do punto de recollida de silos de Coeses “pasou pola inoperancia do goberno”. O edil matizou que en vez de establecer un sistema de retirada destes residuos de forma planificada prefiren mirar cara outro lado arriscándose a que se repitan sucesos deste tipo. Os populares lembraron que “o pasado verán houbo lumes en tres dos catro depósitos municipais e que non se trata dun caso illado”.
López insiste en que ademáis destes puntos de recollida de silos , a actual política de retirada destes residuos, provoca que proliferen ao pé das pistas do rural outros vertedoiros incontrolados “que incumpren a normativa vixente de recollida de plásticos agrícolas co beneplácito do goberno socialista”. O concelleiro do PP advirte aos propietarios dos terreos que se arriscan a multas de ata 6.000 euros.