O GarañónUrbanismo

O PP anuncia que a reunión de onte “non será o último paso” para evitar pagar polo Garañón

By 7 Marzo, 2017Sin comentarios

 Jaime Castiñeira lamenta que “a alcaldesa siga empeñada en defender os intereses dos seus padriños políticos López Orozco e Gómez Besteiro en lugar de velar polos dos lugueses” e ve “inxustificable” que non informara do seu encontro co promotor

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, anuncia que a reunión que mantiveron onte os cinco grupos políticos da oposición “non será o último paso que deamos para intentar, por todos os medios, evitar pagar polo Garañón”.

Nesa liña, o popular advirte á alcaldesa de que “se continúa instalada na súa decisión de non convocar a Comisión monográfica á que a obriga un acordo plenario de xullo de 2015 a iniciativa do PP, terá que asumir a súa responsabilidade”. Así, “se nunha semana non hai avances, daremos pasos firmes e tomaremos as medidas oportunas para defender aos lugueses”, avisa o voceiro popular, quen incide en que “como xa dixemos, a alcaldesa segue empeñada en defender os intereses dos seus padriños políticos, López Orozco e Gómez Besteiro, en lugar de velar polos dos lugueses”. “Que 17 dos 25 concelleiros se posicionen ao carón dos lugueses é positivo, sobre todo cando os oito edís do goberno continúan a estar no bando do promotor”, valora, ao tempo que reprocha á alcaldesa que “nin sequera informara da celebración e dos contidos da súa reunión co promotor, que coñecemos hoxe a través dos medios”.

Agradecemento aos outros grupos.-

Por outra banda, Jaime Castiñeira quere agradecer a “altura de miras e a conciencia” que amosaron os outros catro grupos políticos da oposición ao amosar “a nosa unanimidade” na necesidade de abordar “todos cantos mecanismos poida haber para non ter que asumir o derribo e indemnizacións polo Garañón”, como reflectían os acordos plenarios que promoveu o Partido Popular na sesión do 30 de xullo de 2015 e na do 26 de xaneiro de 2017. “Está claro, e así o demostrou, que a alcaldesa prefire pagar co diñeiro de todos os lugueses en lugar de que o asuman os verdadeiros responsables, que son os seus compañeiros de partido”, asegura.

“Nós seguiremos insistindo en que hai que revisar ata a última coma do convenio para evitar, por todos os medios, que haxa que asumir ningunha indemnización”, conclúe. 

Responder

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies