Hoxe votamos a favor do acordo impulsado pola cidadanía para paralizar a construción de vivendas sociais no barrio do Castiñeiro e para garantir que se dota a zona dos servizos reclamados pola veciñanza
O Partido Popular, dentro da súa forma de entender a política a través da escoita activa fuxindo da confrontación, presentou unha iniciativa no pleno para paralizar o proxecto de construcción de vivendas de promoción pública no barrio do Castiñeiro.
Hoxe retiramos a iniciativa presentada logo do acordo acadado onte na mesa de traballo convocada polos veciños do barrio afectado e votamos a favor dun acordo unánime impulsado pola veciñanza.
Nese acordo os grupos políticos de PSOE, Cidadáns, BNG e PP, tal e como se acordou na mesa de traballo do 29 marzo, reafirmamos que a Xunta paralice a redacción do proxecto para a construción de vivendas sociais no barrio e que se retome o proxecto na primeira localización prevista en Garabolos e se apoie a petición para que se constrúan nesta barrio un Centro Cívico e Deportivo Integrado.
O Lugo de 2 velocidades
“No PP levamos tempo dicindo que hai unha enorme discriminación entre os barrios de Lugo” engadindo como “estes días estamos vendo que os veciños, aos que durante 25 anos PSOE e BNG discriminaron, queren facer oír a súa voz xa que non queren o Lugo de dúas velocidades”, que é o que sucede no barrio do Castiñeiro.
Os populares recriminan ao bigoberno que non fixera “unha planificación equilibrada dos investimentos así como a creación de servizos dunha maneira equitativa”. “A realidade é que a forma de gobernar do bipartito fomenta desigualdades entre barrios que provoca a aparición de plataformas coma a da Milagrosa ou movementos veciñais como o do Castiñeiro que cuestionan a acción do goberno local”, concluíron.
EMENDA Á TOTALIDADE DAS MOCIÓNS SOBRE AS VIVENDAS SOCIAIS EN O CASTIÑEIRO ACORDADA POR UNANIMIDADE DA XUNTA DE PORTAVOCES
Segundo o compromiso acadado polas distintas forzas políticas integradas na Corporación de Lugo (PSdeG-PSOE / BNG / PP / Cs) en atención ás peticións da veciñanza de O Castiñeiro vinculadas á construción das vivenda socias previstas pola Xunta de Galicia-IGVS ese barrio, xa sobresaturado neste tipo de inmobles
Acórdase:
1.- Instar á Xunta de Galicia-IGVS a que, de maneira inmediata, paralice oficialmente o proceso de adxudicación da redacción do proxecto e dirección de obra das vivendas sociais en O Castiñeiro.
2.- Instar á Xunta de Galicia a que retome a construción das vivendas sociais na primeira localización prevista.
3- Instar á Xunta de Galicia-IGVS a que solicite, como propietaria das parcelas C e E da Rúa Ramón Piñeiro en Lamas de Prado, que o Concello de Lugo realice unha modificación puntual do PXOM para modificar o uso residencial. Que se leve a cabo entre acordos entras as dúas Administracións.
4.- Compromiso de estudar as demandas que trasladan as/os veciños de O Castiñeiro.