Antonio Ameijide afirma, á vista do publicado hoxe nos medios de comunicación, que Lugonovo e BNG son “dobremente corresponsables, por un lado, por apoiar a investidura desta alcaldesa e, por outro, por manter ao PSOE no goberno local”
O vicevoceiro popular Antonio Ameijide avisou esta mañá en rolda de prensa a BNG e Lugonovo da súa “corresponsabilidade manifesta ante todo o que poida salpicar ao Concello de Lugo a Operación Pulpo”.
Logo de que algún medio de comunicación sinalase hoxe que o Concello “aparece como parte fundamental en toda a investigación” xudicial, o popular salientou que “ambos os dous partidos teñen unha corresponsabilidade evidente e por dobre partida: por un lado, por manter ao PSOE no goberno municipal dándolle os apoios na sesión de investidura cos votos que os lugueses non lle deron; e por outro ao promover que hoxe sexa alcaldesa quen foi Vicepresidenta da Deputación durante a etapa investigada, con actuacións moi dubidosas dende o punto de vista legal e ético”. Nesa liña, afondou que “prestando o seu apoio non só blindaron a pervivencia das prácticas que durante os 16 anos de Orozco caracterizaron ao Concello de Lugo senón que tamén avalaron as do goberno socialista á fronte da Deputación Provincial”.
Así mesmo, o vicevoceiro popular incidiu en que “algunha das cuestións das que hoxe se fan eco os medios, como é a creación dun entramado de empresas de familiares directos de persoal de confianza do goberno socialista anterior, xa foran postas de manifesto en reiteradas ocasións polo Grupo Municipal do Partido Popular”. Deste xeito, sinalou que “evidentemente, nin Lugonovo nin moito menos o BNG, que se integrou en varias ocasións nos gobernos socialistas do Concello de Lugo, poden alegar descoñecemento”. “Estamos a falar de milleiros de euros procedentes de fondos públicos que foron a parar a estas firmas privadas”, apuntou Ameijide, para quen “é evidente que existe unha responsabilidade política clara coas prácticas destas asesoras”. “Por iso, se Lugonovo e BNG apoian a semana que vén os orzamentos da alcaldesa estarán tamén a avalar tanto a Méndez como as condutas e actitudes do PSOE local e provincial”, insistiu.
Por último, o popular tamén asegurou que a petición xudicial dos pagos municipais á empresa concesionaria da grúa dende o vencemento do seu contrato en novembro de 2015, publicada por outro medio de comunicación no día de hoxe, “é outra proba máis de que Lugo cambiou de alcalde pero non de partido, actitudes nin prácticas, sexan estas investigadas na Operación Pokemon ou na Operación Pulpo”. “E se isto é así é porque PSOE, Lugonovo e BNG lles negaron aos lucenses na sesión de investidura o cambio que democraticamente pediran con claridade nas urnas o 24 de maio de 2015”, concluíu.