Antonio Ameijide explica que fixeron un vídeo de todo o percorrido do carril bici no que se amosan todos os puntos perigosos desta infraestrutura e convida á alcaldesa a realizar un percorrido cos populares para tentar que recapacite con este proxecto perigoso, chapuceiro e que está xerando un dano irreparable ao barrio, obra na que gastaron 1.5M€
O Partido Popular avisa ao goberno de Lara Méndez e Rubén Arroxo dos perigos do carril bici cun novo vídeo. O documento ten por obxecto advertir dos riscos que pode correr calquera usuario que utilice esta infraestructura na que se investiu 1.5M€. “A idea deste documento gráfico é que se reduzan estes perigos, polo que esperamos que non actúen á defensiva como é habitual xa que nos actuamos dende a responsabilidade”, sinalan.
O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, explica que se fixo este vídeo para que calquera usuario poida ver os perigos reais que presenta este carril bici, con zonas nas que vehículos e bicicletas comparten a calzada pese a circular en sentidos contrarios, sen ningún tipo de elemento físico ou barreira que os separe; puntos nos que o carril remata contra unha casa; ou que en todas as interseccións non queda claro quen ten preferencia de paso, se as bicicletas ou os coches.
O vicevoceiro popular afirma que “non estamos de acordo con esta infraestructura e consideramos que foi un erro e un malgasto de cartos xa que máis que solucionar a mobilidade supón un verdadeiro risco para ciclistas, peóns e condutores e un grave problema para a veciñanza”.
Dende o punto de vista do concelleiro popular “estamos revivindo un fracaso similar ao do Plan E: temos a unha alcaldesa que gasta, moito e moi rápido, en proxectos improvisados e que utiliza o diñeiro como se llo regalasen, cando a realidade é que sae dos petos de todos os lucenses”.
Entres este malgasto de cartos, o máis visible destes proxectos é o do carril bici, unha obra na que se gastou 1,5M€ de fondos europeos, e que, polo trazado e polos criterios de deseño, “en vez de ilusionar está provocando frustración e enfado entre os lucenses”.
Unha obra que comezou en febreiro de 2021 e que tiña un prazo de execución de seis meses, pero que un ano e un mes despois segue sen rematarse “e quen sabe o tempo que falta aínda para que finalice a súa execución”. Por iso mesmo, “reclamamos a Méndez e Arroxo que percorran con nós o carril bici para poder amosarlles os perigos que presenta e así se poidan corrixir”.