O PP califica de fracaso o viveiro de empresas da Tinería que impulsou o concello neste barrio fronte á valoración do goberno local que o considera un “éxito”. A concelleira do PP Mar Carballas afirma que “o ecosistema de emprendedores, que a alcaldesa prometeu como un revulsivo non callou” engadindo que “é preocupante que fagan unha valoración positiva cando a 3 dos locais ofertados botaron a reixa neste ano”.
A afirmación da popular xustifícase cos datos de ocupación dos locais que Lara Mendez alugou á Xunta na Tinería polos que estamos pagando 15.161,16 euros anuais (sen IVE) en concepto de aluguer “dos 9 locais que se ofertaron hai, neste momento, 6 abertos”. O pasado 22 de marzo presentouse a renuncia do local da rúa do Miño 26 porque argumentan que hai restos arqueolóxicos que impiden a rehabilitación. O 29 de setembro notifícase a segunda renuncia dunha empresa tecnolóxica que argumenta que precisa dun local de maiores dimensións; e o día 7 de novembro rexístrase outra nova petición de renuncia doutro local en Rinconada do Miño por non estar interesado o emprendedor. Todo apunta a que antes de que remate o ano podería haber unha cuarta renuncia.
Para os populares “era visto que este proxecto non ía sair ben” manifestando que “pese a que de entrada podía ser unha idea positiva para a dinamización do barrio, unha vez máis o goberno de Lara Méndez presentou unhas bases fóra da realidade”. O PP xa o dixo no seu momento e acusáronnos de agoreiros pero, desgrazadamente o tempo deunos a razón, concluía Carballas.
Hai que lembrar que cando se ofreceron estos locais o goberno local estableceu que as persoas ou entidades adxudicatarias tiñan que acondicionar os locais algo que suponía, de entrada un gran desembolso que algúns non podían afrontar”. “Outra condición “sorprendente” é que segundo as bases “aos catro anos tiñan que abandonar os locais, porque non se ofrece a posibilidade de prórroga”.
Das preguntas formuladas hoxe queda no aire se o Concello vai prorrogar os contratos as actuais firmas do Viveiro xa que o único que confirmaron é que estaban preparando unha nova proposta de requisitos para adxudicalas.