Antonio Ameijide lembra que a suspensión do servizo da ORA fora proposta “en reiteradas ocasións, tanto en pleno como ao longo da campaña electoral” polo Partido Popular e reprocha aos socialistas non ter tomado esta decisión con anterioridade
O edil popular Antonio Ameijide celebra que o goberno municipal socialista “dea marcha atrás á súa postura e recapacite” ao aceptar suspender o servizo da ORA.
Nesa liña, Antonio Ameijide pregúntalles aos edís socialistas “que cambiou” dende febreiro de 2014, momento no que os concelleiros deste partido votaron en contra da iniciativa levada a pleno polo Grupo Municipal do Partido Popular. Así mesmo, os populares lembran que a anulación da ORA foi unha das principais propostas do Partido Popular, que en campaña simbolizou a defunción do sistema cun parquímetro pechado nunha caixa negra. “Se o que vai realizar o PSOE é o programa electoral do PP podería deixar gobernar a quen os lucenses elixiron, que foi o PP”, ironizou Ameijide.
Así mesmo, o popular considera que os socialistas “chegan moi tarde” con esta decisión, posto que o contrato coa empresa Vendex, eixo da trama Pokemon, leva anulado pola xustiza dende maio de 2011. Dende a súa adxudicación, a empresa recadou unha media mensual de case 75.000 euros (74.285,21 euros), de xeito que Vendex recibiu dos lucenses 5.266.192,87 euros, dos cales 3.805.630,87 euros foron xa co contrato anulado pola xustiza.
Por outra banda, Antonio Ameijide reta aos socialistas a “transformar en definitiva” esta proposta para que “non sexa só temporal senón que teña carácter definitivo”, “máxime tendo en conta todas as sospeitas que pesan sobre o servizo, incluíndo presuntos subornos a políticos municipais”.
Por último, o responsable de Tráfico e Mobilidade do GMPP lembra que, ademais da suspensión da ORA, dende este grupo político propuxeron en varias ocasións a revisión da ordenanza que rexe o servizo e tamén que se acatase a sentenza “tendo en conta a excesiva demora do proceso que, como tantas veces dixemos, só beneficiaba á empresa concesionaria”.