O voceiro popular, Antonio Ameijide, anuncia que por responsabilidade cos lucenses e “para evitar que se perdan os fondos europeos do Urban e para desbloquear a parálise da xestión do goberno socialista facilitarán, coa súa abstención, a modificación de crédito que se eleva mañá a pleno”.
O voceiro Partido Popular Antonio Ameijide, acompañado polo vicevoceiro Enrique Rozas, anunciou hoxe, que o seu Grupo facilitará coa súa abstención o Plan de Investimentos que presentou o goberno socialista para este 2017. A decisión deuse a coñecer logo de que os populares forzasen á alcaldesa a asinar un documento polo que se comprometen a informar periódicamente do grao de cumprimento das diferentes actuacións que figuran neste programa.
Antonio Ameijide explicou que “por responsabilidade cos lucenses e para non frear os poucos investimentos que se programan para a cidade” o seu Grupo permitirá as modificacións de crédito que o goberno local levará mañá a pleno”. Este posicionamento se condiciona a que os socialistas informen mensualmente en xunta extraordinaria de voceiros do grao de execución tanto dos investimentos como do pago das subvencións”. O voceiro dos populares explicou que facilitan o Plan do PSOE a cambio dunha transparencia na fiscalización das actuacións previstas “teñen que ter claro que non lles imos dar un cheque en branco, sabemos que a estas alturas do exercicio é complicado executar as propostas que inclúen no documento pero non podemos privar aos veciños de que a cidade avance e queremos coñecer de primeira man a evolución destes proxectos”. O popular lembraba que nos últimos dous anos o grao de cumprimento do plan de investimentos foi dun 43,4 e dun 41,78% . Case a metade do plan de investimentos dos dous anos que leva a alcaldesa gobernando están sen executar. En 2015 quedou pendente un 43,4% e en 2016 un 41,78 %.
Antonio Ameijide tamén puxo de manifesto o seu malestar pola forma coa que a alcaldesa xestou este Plan de Investimentos que “naceu logo do seu fracaso na negociación dos orzamentos para este exercicio”. “É decepcionante que, a estas alturas, non asuma que está en minoría e que falte ao respecto institucional presentando, con anterioridade, estas actuacións aos medios de comunicación que aos grupos políticos”.
Outro aspectos que destacou o voceiro popular foi a advertencia do informe de intervención de que non se xustifican o suficientemente algunhas intervencións subliñando que “algunha sen máis contido e xustificación que a propia declaración dos responsables da Área e que os gastos relacionados non son susceptibles de demora para o exercicio seguinte sen menoscabo do interese xeral”.
Ameijide insistiu en que o Plan de investimentos é pouco ambicioso e que non se corresponde ás necesidades reais que ten a cidade xa que “se limitaron a recuperar proxectos fallidos de anteriores mandatos e obras que xa tiñan que estar executadas como o Leiraparking” tamén criticou que “renuncien a proxectos como a Biblioteca da Piringalla, Praia Fluvial, o desdobramento de Duquesa de Lugo e que non haxa nin unha partida para actuacións de accesibilidade”.
O voceiro popular rematou afirmando que a alcaldesa socialista ten o triste mérito de presentar “o plan de investimentos máis pobre dende que o PSOE gobernou en Lugo. No ano 2.000 se reservaron 12.7 millóns para obras e investimentos no municipio cando para este exercicio destinan 4.366.473 €” e tamen salientaba que, por se fóra pouco, a alcaldesa socialista rebaixa nun 52% os investimentos reais con respecto ao plan de 2016.