Jaime Castiñeira asegura que “a tramitación das ordenanzas fiscais foi nefasta por parte do goberno municipal” e critica que “ata hoxe, ás 3 da tarde, non houbo unha proposta definitiva”, polo que alega “falta de tempo evidente para analizalas”
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Castiñeira, logrou esta tarde no pleno que a proposta de ordenanzas fiscais elaborada polo goberno “non se aprobase atropeladamente”, de xeito que quedarán sobre a mesa para o seguinte pleno debido á “imposibilidade material” de estudar “o documento definitivo”, que foi entregado aos grupos políticos “no medio do pleno, ás tres da tarde”.
Nese senso, Castiñeira expuxo que “non é a forma de traballar nun proxecto tan importante e que afecta tan directamente aos veciños do municipio”, polo que “traer un documento atropelado, sen un reposo mínimo, sen unha análise conxunta é a todas luces un desacerto”, ao tempo que advertiu dos “moi cuestionables antecedentes que senta este goberno aos seis meses de chegar”. “Se esta vai ser a súa fórmula para intentar chegar a acordos en temas centrais como as ordenanzas ou os orzamentos, o mellor que poden facer é cambiar de estratexia”, asegurou.
Ademais, lembrou que previamente xa se tivera que convocar para onte mércores unha Comisión de Contas extraordinaria “18 horas antes deste pleno e por este mesmo defecto da excesiva premura que imposibilitou os informes técnicos” e que o proxecto de ordenanzas tamén se aprobara fóra da orde do día na xunta de goberno local do día 11. “E no pleno tamén incorporan esta cuestión, perfectamente previsible e planificable, fóra da orde do día”, subliñou o voceiro popular, para quen “o que demostra o goberno con todas estas manobras é que está fóra do día a día dos lucenses”.
Castiñeira asegurou que “as consecuencias deste novo ridículo do goberno pagámolas todos os lucenses” e asegura que “o peor é que está claro que non aprenderon de todos os erros aos que os levou a súa prepotencia” e incidiu en que “igual que a proposta de ordenanzas foi fóra do orde do día, tamén o goberno local demostra que está fóra do día a día dos lucenses”, posto que presentaron “unhas ordenanzas atropelladas e cunha urxencia inxustificable”. “O peor é que está claro que os socialistas non aprenderon de todos os erros aos que os levou a súa prepotencia”, sinalou.
Por último, o voceiro popular indicou que ve “positivo para Lugo e para os lucenses” que fosen aprobadas as catro propostas que o Grupo Municipal do Partido Popular trasladou ao pleno (a ampliación de usos da biblioteca da Piringalla, cubrir a piscina exterior de Frigsa, a elaboración dun código de boas prácticas para a web institucional, co gallo de evitar o uso partidista que fai o goberno dela, e mellorar as dotacións técnicas e os espazos de atención da Policía Local). “O máis chamativo é que o PSOE se abstivese nalgunha, como na da piscina de Frigsa, porque o que quere dicir é que o partido do goberno non se posiciona e non ten proxecto”, concluíu.