Os populares acadaron o compromiso do Concello de Lugo para reclamar ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o mantemento da Ponte Branca sobre o río Miño despois de comprobar como nos últimos días desprendéronse varias partes de formigón da mesma que, pese a non afectar á estabilidade da infraestrutura, supoñen un perigo para todos os veciños que a diario pasan polo paseo do Miño para practicar deporte ou camiñar.
Asistimos nestes últimos días a outro exemplo máis da falta de dilixencia e coordinación entre o Concello e o Ministerio de Transportes, Mobilidade y Axenda Urbana.
Se días atrás o GMPP pedía axilidade para rematar a rotonda que une a Avenida Alfonso X coa Nacional VI que, precisamente, por esa falta de coordinación, tivo un retraso na súa posta en marcha de tres meses aproximadamente, agora atopámonos cunha situación na que se repite a situación pero agravada: a titularidade, o mantemento e limpeza da coñecida como Ponte Branca.
A realidade é que a chamada “Ponte Branca” (ainda que hoxe máis ben respondería a “ponte verde”) leva operativa desde o 2011 e, dende esa data, o Concello de Lugo e máis o Ministerio correspondente, agora chamado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, anteriormente de Fomento, non foron quen de poñerse de acordo sobre a titularidade da infraestrutura e o que conleva a responsabilidade sobre o mantemento da mesma.
Recentemente desprendéronse anacos de formigón que, por sorte, non causaron danos persoais nin materiais, e isto mesmo sucedeu xa anos atrás en varias ocasión, tanto con pezas de formigón como metálicas. Polo que ainda que non queremos dicir que poida ter problemas estruturais preocupantes, si ten unha evidente falta absoluta de mantemento. A Ponte precisa dunha revisión e dun mantemento preventivo e periódico que non se está a levar a cabo. É máis, o simple aspecto do mesmo é de total abandono, ten unha capa de mugre que cambiou a cor da ponte a verde.
Aquí o Concello non ten a excusa habitual de culpar á Xunta. Neste caso a responsabilidade é do Concello. É do Concello ainda que a titularidade sexa do Ministerio, algo que despois de tantos anos seguimos sen ter claro. Xa que o Protocolo para a construción dicía unha cousa e a realidade amosa o contrario. Pero sexa de quen sexa a titulariedade, o Concello ten a obriga de defender o dereito de tódolos lucenses a contar cunhas infraestruturas dignas e cun adecuado mantemento, de cara a garantir no só a imaxe da cidade senón a seguridade das persoas.
Non se trata só de poñer en marcha infraestruturas senón de mantelas en bo estado, de xeito que sexan seguras para os seus usuarios. Neste caso a Ponte Branca precisa un mantemento preventivo que permita que, non só os usuarios que cruzan a mesma nos seus vehículos, senón tamén os que pasan camiñando por baixo, o fagan con completa seguridade.
Non é a primeira vez que caen pezas, xa metálicas ou xa de formigón, nin tampouco é a primeira vez que se forman importantes bolsas de auga na calzada froito da falta de limpeza e, polo tanto, do atasco dos aliviadeiros, o que supón un risco para a seguridade vial.
Por todo elo o Grupo Municipal do Partido Popular, que subscribe esta proposición, considera de interese municipal que o Pleno da Corporación Municipal acorde:
Que o Concello de Lugo xunto co Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, garantan un plan de mantemento preventivo e periódico da Ponte Branca e acometan unha limpeza integral da mesma.